A Xunta de Galicia apoia novos talentos de creación contemporánea co impulso de seis proxectos que agromaron a través das residencias artísticas do Gaiás, e que o director xeral de cultural, Anxo M. Lorenzo, deu a coñecer hoxe na Cidade da Cultura.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou “a alta calidade, a innovación, risco e orixinalidade na variedade de propostas presentadas”. Así, apuntou que os proxectos van desde a investigación e curadoría ata as artes novas, pasando pola música contemporánea, a danza, o deseño ou as artes visuais.
“As residencias permiten descubrir novos talentos e iniciativas a través do apoio económico, tempo e recursos para facerse realidade”, puxo en valor con respecto destas iniciativas, que erixiu como “unha liña fundamental e consolida” de promoción artística do Goberno galego.
A xornada de presentación arrincou ás 11,30 horas nos espazos de residencia anexos ao Museo Centro Gaiás coas presentacións das arquitecturas-prenda confeccionadas por Ventura Pérez para construír Arquitectura en lugares insospeitados. A continuación, deuse a coñecer a instalación do Viravento pluvial, co que Carlos Fer convida a unha contemplación case zen do vento e da chuvia, para rematar coas Series improbábeis de encontros encontrados entre artistas que propón a investigadora e xestora cultural, Manuela Pereira.
En canto ás presentacións da tarde, comezaron ás 17,30 horas coa instalación inmersiva In vitro Ex Vivo, na que a artista Judith Adataberna convidou a reflexionar sobre os riscos da euxénese e da manipulación xenética de embrións humanos. O programa seguirá co espectáculo Levitare, onde a bailarina Suevia Rojo traduce á danza a poesía de Luísa Villata, para rematar con Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor, primeira actuación que o músico David Santos realizará con este instrumento modificado por pequenos autómatas.
Residencias consolidadas
Cada unha das propostas recibiu unha axuda de 8.000 euros achegada pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o seu desenvolvemento. Ademais, durante un período de entre tres semanas a mes e medio contaron con cadanseu espazo de traballo e apoio dunha persoa mentora experta na Cidade da Cultura, así como co apoio técnico e humano necesario para materializarse.
A quinta convocatoria de axudas para as residencias artística do Gaiás consolida unha liña de apoio fundamental para o crecemento do sector cultural galego. Este ano 2026, máis de 100 artistas e 40 técnicos beneficiáronse destas estadías na Cidade da Cultura para promover a creación contemporánea.

![Arquitectura en lugares insospeitados | Ventura Pérez [foto: Manuel G. Vicente] Arquitectura en lugares insospeitados | Ventura Pérez [foto: Manuel G. Vicente]](https://www.cidadedacultura.gal/sites/default/files/styles/156x156/public/multimedia/images/2026/11/261121014.jpg?itok=QNSdersm)
![Viravento pluvial | Carlos Fer [foto: Manuel G. Vicente] Viravento pluvial | Carlos Fer [foto: Manuel G. Vicente]](https://www.cidadedacultura.gal/sites/default/files/styles/156x156/public/multimedia/images/2026/11/261121052.jpg?itok=W-7AgNgC)
![Series improbábeis de encontros encontrados | Manuela Pereira [foto: Manuel G. Vicente] Series improbábeis de encontros encontrados | Manuela Pereira [foto: Manuel G. Vicente]](https://www.cidadedacultura.gal/sites/default/files/styles/156x156/public/multimedia/images/2026/11/261121069.jpg?itok=LXDoKd7_)
![In vitro Ex vivo | Judith Adataberna [foto: Rocío Cibes] In vitro Ex vivo | Judith Adataberna [foto: Rocío Cibes]](https://www.cidadedacultura.gal/sites/default/files/styles/156x156/public/multimedia/images/2026/11/cdc_261121_043.jpg?itok=D8h2sKBm)
![Levitare | Suevia Rojo [foto: Rocío Cibes] Levitare | Suevia Rojo [foto: Rocío Cibes]](https://www.cidadedacultura.gal/sites/default/files/styles/156x156/public/multimedia/images/2026/11/cdc_261121_068.jpg?itok=xPSfKEDm)
![Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor | David Santos [foto: Rocío Cibes] Estudo para contrabaixo expandido en Mi menor | David Santos [foto: Rocío Cibes]](https://www.cidadedacultura.gal/sites/default/files/styles/156x156/public/multimedia/images/2026/11/cdc_261121_083.jpg?itok=q_yAsl96)