A Xunta apoia dez novos talentos da narrativa galega na Residencia Literaria da Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 07 de Xullo de 2023

Un total de dez autores emerxentes galegos están a participar estes días na Residencia Literaria da Cidade da Cultura para perfeccionar os seus proxectos de narrativa. A actividade, que forma parte do programa de Residencias Artísticas do Gaiás impulsado pola Xunta de Galicia, conxuga o traballo individual coa posta en común e o intercambio de impresións sobre as propostas do resto de participantes.

O director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, acompañado da directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, deron a benvida esta semana aos membros desta terceira Residencia Literaria, que dirixe o escritor e profesor de escritura creativa Javier Peña. O representante da Xunta recordou que a residencia foi un dos primeiros apoios que tiveron autores que están agora a despuntar no panorama literario, como é o caso de Brais Lamela, premio da Crítica en narrativa en lingua galega o ano pasado, e Fran Fernández Dávila, gañador do Premio de Novela Curta Antón Risco 2023 co proxecto que traballou durante a súa estadía no Gaiás.

A proposta alíñase cun dos cinco eixes do Plan Xeración, a folla de ruta para acompañar neste 2023 o bo momento do sector que inclúe, entre os seus propósitos poñer en marcha medidas novas e reforzar as xa consolidadas que supoñan un apoio aos novos talentos.

Con actividades complementarias

Ao longo de 12 días de convivencia, os escritores novos comparten inquedanzas e consellos, críticas e eloxios nun ambiente de confianza e apoio mutuo. Ademais, contarán coa guía de dúas escritoras destacadas das letras galegas e españolas, Marilar Aleixandre —Premio Nacional de Narrativa 2022— e a mexicana Brenda Navarro,  que con tan só dúas novelas publicadas —unha delas traducida xa a oito idiomas— confírmase como unha das voces máis prometedoras das letras hispanas.

As actividades da Residencia Literaria complétanse con visitas á Casa Museo de Rosalía e á Fundación Camilo José Cela, encontros transversais con participantes doutras residencias artísticas na Cidade da Cultura e faladoiros especializados en temas de interese para os futuros escritores, como os dereitos de propiedade intelectual.