A Xunta acorda co CSIC o traslado do Instituto de Ciencias do Patrimonio ao novo Edificio Fontán

Santiago de Compostela, 11 de Abril de 2019

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou na rolda de prensa de Consello, da autorización dun convenio co Consello Superior de Investigacións Científicas para trasladar o Instituto de Ciencias do Patrimonio, Incipit, creado en 2010, ao novo edificio Fontán da Cidade da Cultura.

Tal e como lembrou, as obras do edificio Fontán comezaron o pasado mes de decembro co obxectivo de emprazar no Gaiás tres centros: a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, o novo Consorcio Interuniversitario de Galicia e o futuro Centro Europeo de Investigacións en Paisaxes Culturais, que será pioneiro en España e funcionará como observatorio permanente do Camiño de Santiago. Unha concentración, dixo, que responde a unha lóxica económica, cun aforro de 15M€, e á vontade das tres universidades de traballar xuntas nun só edificio que resulte funcional e que permita compartir coñecemento e sinerxías.

En virtude do acordo asinado hoxe, o Incipit poderá usar o 20% da superficie útil do edificio durante os próximos 75 anos e o CSIC achegará 2,4M€ e asumirá o custo anual dos gastos derivados da actividade. Polo tanto, a cantidade a achegar por parte do Goberno galego para á súa construción reducirase significativamente, engadiu.

Durante a súa intervención, Feijóo explicou tamén que alí traballarán 60 investigadores permanentes, ademais de estudantes e colaboradores. Aos que se sumarán 140 traballadores que se incorporarán ao edificio Fontán cando este estea rematado, 19 corresponderán ao Consorcio Interuniversitario, 17 á Axencia para a Calidade e 100 investigadores do Centro Europeo de Investigación en Paisaxes Culturais, aínda que non estarán sempre fisicamente alí. En total, abundou, serán 200 persoas as que desenvolverán o seu labor no Fontán.

En definitiva, salientou, seguimos impulsando este edificio, que aproveita a estrutura xa construída do Teatro da Música para optimizar o uso dos espazos da Cidade da Cultura, incrementando a súa actividade e captando recursos doutras administracións para sufragar o seu custo.