Xabier Díaz achega as técnicas tradicionais da pandeireta a 30 músicos afeccionados

Santiago de Compostela, 05 de Decembro de 2020

A Cidade da Cultura de Galicia está a ofrecer este sábado un obradoiro de balde de pandeireta co músico Xabier Díaz, galardoado este ano xunto ás Adufeiras de Salitre co Premio Martín Códax da Música 2020 na categoría Tradicional. Trátase dun dos profesionais máis prestixiosos da música de raíz de Galicia, recoñecido tamén polo seu rigoroso traballo de investigación e recuperación.

O obradoiro de pandeireta de Xabier Díaz estase a celebrar no Museo Centro Gaiás en dúas quendas, de mañá e tarde, de 15 persoas para cumprir coas medidas de seguridade sanitaria e distancia social marcadas pola situación actual da covid-19.

Cada grupo recibe unha formación de tres horas de técnicas de pandeireta que inclúe man, puño, riscados e repertorio tradicional co obxecto de que nesta clase se aprendan as técnicas básicas, así como que as persoas participantes poidan afondar un pouco máis no repertorio tradicional deste instrumento.

Xabier Díaz, músico recoñecido e amplo currículo de docente

Hai que destacar que Xabier Díaz ten un amplo currículo como docente, xa que imparte clases de instrumentos de percusión tradicionais mesturadas cunha compoñente etnográfica. Deste xeito, ensina a relación da música galega coas doutros espazos, ao tempo que fai comprender aos e ás asistentes aos seus obradoiros aquilo que é propio e xenuíno da nosa cultura musical.

Do mesmo xeito, Díaz é recoñecido pola súa tarefa recompilatoria e de revisitación que parte, en moitos casos, de escoitar os cantos das mulleres do rural e darlles a súa pegada persoal, un labor do que é bo reflexo o seu último e premiado traballo As catedrais silenciadas.

Este obradoiro forma parte das actividades da programación do Magosto no Gaiás 2020, que ía ser celebrado o 7 de novembro e que tivo que ser adiado a este mesmo sábado polas medidas restritivas da situación da covid-19 a principios dese mes.