Volve Pequefilmes en xaneiro

Santiago de Compostela, 27 de Decembro de 2020

A Cidade da Cultura de Galicia celebrará en xaneiro de 2021 unha nova edición do festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, que estende a súa programación a catro xornadas, en dúas fins de semana consecutivas. Así, o 23, 24, 30 e 31 de xaneiro o Gaiás proxectará unha escolma de curtas especialmente seleccionadas para a cativada, moitas delas premiadas nos festivais de cinema infantil, xuvenil e de animación máis importantes do mundo .

A programación desta quinta edición de Pequefilmes recollerá o máis destacado da produción internacional actual dedicada a esta audiencia, pequena en tamaño pero grande en esixencias. O festival consolídase ano a ano como unha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais de gran calidade que, en moitas ocasións, quedan fóra do seu alcance ao non atopárense nos circuítos de exhibición máis convencionais.

Ao longo destas catro xornadas proxectaranse curtametraxes dunha pluralidade de temas, puntos de vista e historias, incidindo en numerosos aspectos sociais e éticos sen perder de vista nunca o divertimento, e adaptadas aos diferentes intereses e gustos dos máis pequenos da casa. Como evento para a exhibición de curtametraxes infantís, o festival proponse tamén estimular a produción deste tipo de obras, ofrecendo un espazo para achegalas ao público.

Entradas á venda en xaneiro

As entradas do festival Pequefilmes 2021 poranse á venda a partir da segunda semana de xaneiro, a través das canles habituais –na billeteira do Museo Centro Gaiás e en ataquilla.com–. No marco das medidas de contención da pandemia da covid-19, o festival adaptará as súas salas de proxección, axustando o número de prazas ás medidas vixentes e mantendo en todo momento a distancia de seguridade entre as persoas non pertencentes á mesma unidade de convivencia.

O festival Pequefilmes vense desenvolvendo na Cidade da Cultura desde 2017, co obxectivo de promover o gusto polo audiovisual de calidade desde as idades máis novas, propiciando entre o público infantil actitudes de espectadores críticos, e apostando por achegar á cativada un tipo de curtametraxes que polo xeral non teñen cabida nas salas comerciais.