Videoreceitas para a cativada con Cociñeiras ilustradas

Santiago de Compostela, 28 de Maio de 2020

A Xunta de Galicia, dentro da súa campaña de lecer e formación #aculturasegue, pon en marcha polas redes sociais e páxina web da Cidade da Cultura --www.cidadedacultura.gal-- Cociñeiras ilustradas. Trátase dun curso de cociña en liña para que as familias preparen coa cativada divertidas e sinxelas receitas, que lles serán explicadas en vídeos de animación cos debuxos de cinco recoñecidas ilustradoras galegas: Ana Varela, Ángeles Díaz --alias 'Axóuxeres e chisqueiros'--, Nuría Díaz, Laura Tova e Dani Padrón.

Cociñeiras ilustradas. Divertidas receitas animadas para preparar e papar coa cativada comezará a emitirse en liña pola páxina web da Cidade da Cultura --www.cidadedacultura.gal-- e polas súas redes sociais (Facebook, Instagram e Twitter) a partir do sábado 13 de xuño. Deste xeito, dáselle continuidade a outra actividade tamén familiar Club das Lerchiñas, unha sesión de contacontos os sábados e que remata o vindeiro 6 de xuño, á vez que se procura darlle visibilidade ao talento, calidade e versatilidade nos seus traballos ao sector da ilustración en Galicia.

Desde xeito, do 13 de xuño ao 11 de xullo, emitiranse en liña, cada sábado e ás 10 horas dúas vídeo-receitas --un xantar e unha sobremesa-- explicadas e animadas cos debuxos dunha mesma Cociñeira ilustrada. Así, ata un total de cinco días e dez propostas culinarias, elaboradas polos prestixiosos cociñeiros Xenxo Piñeiro, Santiago Martínez, David Cibre e Miguel A. Caruncho da Escola de Hostalaría Belarmino Fernández, en Sober (Lugo).

Esta actividade forma parte da programación en Internet e polas redes sociais da Cidade da Cultura de Galicia co obxecto de ofrecer contidos culturais e de lecer de calidade nesta época de limitacións de actividades presenciais por cuestións de seguridade e sanitarias pola covid-19. Neste caso en concreto, procúrase ademais continuar a fornecer a programación familiar, á vez que espertar o interese da cativada pola cociña e contribuír a incorporar na súa educación o valor das materias primas non procesadas e dunha alimentación sá e equilibrada, importante sempre e máis nestas idades de crecemento.

Cinco recoñecidas e premiadas ilustradoras galegas

Cociñeiras ilustradas conta con cinco recoñecidas e premiadas artistas, entre elas Ana Varela (A Coruña, 1987) cuxas ilustracións abren os dous primeiros vídeos-receita do sábado 13 de xuño para que se cociñen en familia: cornete de pavo e verduras e unhas galletas de leite condensado, como sobremesa.

Seguiralle o sábado seguinte, Ángeles Díaz (A Coruña, 1989), coñecida polo seu alterego artístico Axóuxeres e chisqueiros. Coas súas características ilustracións animará dúas receitas: crema de arroz con cabaza e verturas e un cordon bleu de pescada.

O sábado 27 de xuño emitirase en liña as vídeo-receitas de niño de paspallás e da crema de chocolate branco e iogourt, ilustradas por Dani Padrón (Ourense, 1983). Este artista conta con numerosos recoñecementos, como o Pura e Dora Vázquez da Deputación de Ourense, o Isáac Díaz Pardo e o International Latino Book Award na categoría de libro infantil.

As ilustracións de Nuria Díaz, coworker do Centro de Emprendemento do Gaiás e tamén Premio de Ilustración Pura e Dora Vázquez, danralles vida ás receitas do sábado 4 de xullo: sandwich mixto con corazón fantasía de amanita muscaria e unhas divertidas luriñas de salchiña con pasta.

Laura Tova (Carballo, 1989) porá fin o ciclo de Cociñeiras ilustradas o sábado 11 de xullo debuxando para as vídeo-receita uns rolliños de arroz e uns bólos preñados de xamón cocido e queixo. Esta ilustradora tamén é moi coñecida pola súa participación activa en diversas iniciativas de arte urbano, como 'Derrubando muros con pintura' ou 'Ruar e rir'.