Viaxamos aos anos das Irmandades da Fala a través dun gran baile de época no Serán'02

Foto de arquivo da actuación da Banda Artística de Merza (Javier Amosa)
Santiago de Compostela, 23 de Xuño de 2019

Un gran baile ambientado a comezos do século XX será o prato forte do Serán’02, o II Encontro Galego de Cultura Popular promovido pola Xunta de Galicia para apoiar a cultura galega de base e dedicado nesta edición ás bandas de música. Nesta verbena de época, que terá lugar á noitiña do sábado 29 de xuño, o Gaiás propón unha viaxe no tempo aos anos das Irmandades da Fala e convida a todo o público a asistir ao evento, de entrada de balde, caracterizado da época.

Neste Baile das Irmandades da Fala mestúrase o son icónico dalgunhas das bandas de música máis senlleiras de Galicia –como son as de Lalín, Santa Cruz de Ribadulla, a Unión Musical de Valladares e a Lira de Ribadavia–, coa nosa música tradicional da man das charangas de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos. Neste serán festeiro na praza central do Gaiás o público terá ademais o reto de amosar todo o seu ritmo sobre a pista de baile para facerse con algún dos premios da noite, que recoñecerán o mellor vestiario e a mellor parella de baile. 

A danza estará moi presente en toda a xornada do sábado do Serán’02, xa que ao longo de todo o día estaranse a impartir obradoiros de ‘baile agarrado’, de balde e destinados a todo tipo de público. Nestes cursos intensivos, os e as asistentes van poder aprender a técnica básica da polca, o valse, a mazurca, o pasodobre ou o chotis con grandes profesionais da danza como Suso Cancelas ou Xisco Feijoo. O Baile Irmandades da Fala será a oportunidade perfecta para, apenas unhas horas despois, pór en práctica todo o aprendido.

Tres días de concertos

O Serán’02 terá lugar no Gaiás do 28 ao 30 de xuño, dirixido por Quique Peón e co apoio da Federación Galega de Bandas de Música Populares, Agadic e Gadis. Reunirá ao longo dos tres días máis de medio milleiro de intérpretes de bandas de música de toda Galicia nun intenso programa con ata 17 concertos e espectáculos.

Entre eles, poderemos gozar na noite do venres dun man a man entre as dúas únicas bandas municipais profesionais de Galicia –A Coruña e Santiago de Compostela– ou dun concerto da Unidad de Música do Tercio Norte de Infantería de Marina de Ferrol na mañá do sábado.

Xa na xornada do domingo o prato forte do días serán os dous espectáculos premiados no concurso Innova-Agadic de proxectos que exploran novos escenarios musicais e culturais. Trátase de O vento que nos une, interpretado pola Banda Sinfónica Galega, e Saliceta, un espectáculo no que Banda de Música de Salceda de Caselas interpretará unha ‘suite tradicional galega’ incorporando música coral e tradicional.

Cabe lembrar que no Serán’02 participan algunhas das mellores bandas de Galicia, como o acreditan os recoñecementos recibidos en certames nacionais e internacionais. É o caso por exemplo da Banda de Lalín, premiada en 2013 e 2009 no WMC de Kerkrade (Holanda) –certame considerado un auténtico mundial das bandas de música e que reúne cada catro anos unha selección de 200 bandas de todo o mundo–; ou da Lira de Ribadavia, premiada en 2018 no Certame Internacional de Bandas de Música Ciudad de Valencia.

Ademais, estarán presentes tamén as seccións infantís e xuvenís de formacións das catro provincias galegas, como a Banda de Santádega de Coles, a Banda de Música Sons e Soños, a Banda Artística de Merza a ou a Unión Musical de Meaño, entre outros.

Programa para todo tipo de público

Este II Encontro Galego de Cultura Popular nace con vocación de dirixirse a todo tipo de público, sexa ou non parte do sector. Así, o encontro ofrece tanto contidos de tipo profesional como clases maxistrais, conferencias e mesas redondas como un plan familiar de fin de semana xa que, ademais de gozar dos concertos e espectáculos programados, o público asistente poderá visitar o recinto feiral do encontro ou participar en obradoiros de fabricación de instrumentos con materiais de refugallo dirixidos á cativada. O evento desenvolverase en distintos espazos do complexo como o auditorio ao aire libre do Xardín do Teatro ou o Museo Centro Gaiás e conta co apoio da Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP), a Agadic e Gadis.

 
Foto de arquivo da actuación da Banda Artística de Merza (Javier Amosa)
Foto de arquivo da actuación da Banda Artística de Merza (Javier Amosa)