A VI Residencia Literaria da Cidade da Cultura impulsa o talento de escritores emerxentes

Santiago de Compostela, 25 de Abril de 2026

A Xunta acaba de abrir o prazo de inscrición para a VI Residencia literaria da Cidade da Cultura. Unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para impulsar o talento de escritores e escritoras emerxentes en Galicia no ámbito da narrativa, a poesía e o teatro. As persoas interesadas poderán enviar as súas candidaturas ata o 22 de maio.

A estadía creativa, dirixida pola escritora Eva Mejuto, ofrece un total de 10 prazas, sete delas reservadas para persoas nacidas en 1990 e anos posteriores, que queiran perfeccionar as súas obras co acompañamento de autoras de primeiro nivel. De feito, esta é a edición que máis autoras convidadas acolle.

Así, entre elas, atópanse grandes nomes da literatura como Elena Medel (Córdoba, 1985), que co seu libro Las Maravillas foi galardoada co Premio Francisco Umbral ao Libro do Ano e incluída na lista longa do Dublin Literary Award 2023 e quen xa recibira no 2016 o Premio Princesa de Girona; e Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976), que con máis dunha ducia de publicacións acumula recoñecementos como o Premio Xerais de Novela ou o internacional The White Ravens. Tamén participarán autoras que xa pasaron pola residencia como Nerea Pallares (Lugo, 1989) ou Cynthia Menéndez (Vigo, 1993), cuxas obras Punto de araña e Son coma glaciares os barcos de aceiro acadaron un amplo recoñecemento nos últimos dous anos.

Poderán presentarse a esta convocatoria novelas, poemarios, obras dramáticas e coleccións de relatos, orixinais e inéditos, con independencia do seu estado de desenvolvemento. Para favorecer o traballo e posta en común, os proxectos non poderán ter aplicado a ningún premio literario no momento da inscrición nin durante a celebración da residencia.

A participación está dirixida a persoas nadas ou residentes en Galicia e o prazo de inscrición está aberto ata o 22 de maio de 2026. A residencia desenvolverase entre os días 29 de xuño e 11 de xullo na Cidade da Cultura, cos gastos de aloxamento e manutención cubertos pola organización.

A VI Residencia literaria busca facilitar tamén aos autores e autoras noveis un coñecemento total do mundo do libro, abordando cuestións fundamentais como os dereitos de autoría, a edición, a distribución e o coñecemento do sistema literario, para o que se contará tamén coa presenza do editor Víctor Mascato. Ao longo do programa, abordaranse aspectos como a presentación dunha obra a unha editorial, a análise de contratos ou a promoción dos libros. A experiencia completarase con actividades como a visita a unha libraría e unha maridaxe lectora.

Unha incubadora de grandes proxectos

Logo de cinco edicións, a Residencia literaria consolídase como unha plataforma para o talento que conxuga o traballo individual coa revisión das propostas das compañeiras e compañeiros. A escoita, a lectura e o diálogo son a base dun encontro polo que xa pasaron autores e autoras cuxas obras agora, ocupan os estantes das librarías.

Algunhas das voces que se formaron na Residencia literaria do Gaiás son Lucía Solla Sobral (Premio Ojo Crítico de RNE 2025 e Premio Cálamo Libro del Año 2025); Sica Romero (Premio San Clemente de Novela), Fran Fernández Dávila (Premio de Narrativa Breve Repsol), Brais Lamela (Premio El Ojo Crítico de RNE 2023), Cynthia Menéndez (finalista este ano no Premio Follas Novas do Libro Galego 2026) ou Nerea Pallares (XXXVII Premio de Novela Manuel García Barros).