A versión en galego de 'Carmina Burana' abre o sábado o ciclo 'Viraxes'

A Xove Banda de Valga, nun concerto no Gaiás (Foto: Manuel G. Vicente)
Santiago de Compostela, 19 de Setembro de 2019

A versión en galego de Carmina Burana abre o sábado 21 de setembro na Cidade da Cultura o ciclo Viraxes, unha serie de tres concertos nos que as bandas de música populares fusionan o seu repertorio con outros xéneros e formatos como a música clásica, o circo ou o teatro, e co que a Xunta de Galicia quere apoiar a experimentación no eido musical.

Con entrada de balde, En concerto con Carmina Burana correrá a cargo da Banda de Música Municipal de Valga, os solistas Esperanza Mara (soprano), Enrique Alberto Martínez (tenor) e Eliseu Mera (barítono) e o coro Gli Appassionati, baixo a dirección de Manuel Villar Touceda. Trátase da primeira tradución dos textos medievais íntegros ao galego –realizada Raúl Gómez Pato– coa música orixinal e feita e pensada para o público do século XXI.

Reunindo no escenario máis de 150 artistas, este Carmina Burana en galego exemplifica á perfección a busca de Orff dun formato que revele o poder elemental da música, permitindo ao oínte experimentala como unha forza primitiva e abrasadora. A proposta ofrece así un plan musical e familiar para o último sábado do verán, que cativará a todo tipo de públicos coa súa forza, espléndida percusión e riqueza rítmica.

O concerto terá lugar ás 18,00 horas e será de entrada libre e de balde ata completar a capacidade do anfiteatro do Xardín do Teatro da Cidade da Cultura. En caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, o espectáculo trasladarase ao andar -1 do Museo Centro Gaiás.

Galardoados nos premios Innova

O ciclo Viraxes propón tres espectáculos amenos e diferentes, creados por bandas de música de Galicia que levarán á Cidade da Cultura as súas propostas de experimentación musical nas que se atreven con xéneros como o circo, o teatro ou a música clásica. Os proxectos resultaron galardoados na convocatoria dos premios Innova, promovida en 2019 pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para fomentar a experimentación e innovación no eido musical.

Viraxes continuará en decembro con outros dous espectáculos no Museo Centro Gaiás. Por unha banda, a Unión de Guláns –unha das bandas máis antigas de Galicia cunha traxectoria que se remonta ao século XIX– interpretará o 7 de decembro o espectáculo MIB: Músicos in Black, xunto ao grupo de teatro Todos Xuntos. Trátase dun proxecto teatral nado da colaboración entre ambas formacións artísticas e coa implicación de toda a veciñanza desta pequena aldea de Ponteareas. MIB tráenos un relato sobre a importancia da música na vida cotiá, contándonos en clave de humor os hilarantes sucesos que acontecen tras unha aterraxe alieníxena nunha aldea galega.

O sábado 14 de decembro o circo protagonizará o último dos espectáculos de Viraxes co proxecto Orquestra de malabares, da Unión Musical de Meaño e a compañía galega de novo circo Pistacatro. O espectáculo está concibido para asistentes de todas as idades, aínda que se dirixe especialmente a un público infantil e familiar, que de seguro gozará desta abraiante danza aérea nun diálogo escénico entre seis malabaristas e unha banda de música.

 
A Xove Banda de Valga, nun concerto no Gaiás (Foto: Manuel G. Vicente)
En concerto con Carmina Burana (Foto: J. Alberto Solla)
En concerto con Carmina Burana (Foto: J. Alberto Solla)