Unha ópera contemporánea ao amencer na despedida de 'Escenas do cambio 2022'

Santiago de Compostela, 08 de Maio de 2022

A Xunta de Galicia despide este domingo a oitava edición de Escenas do cambio cunha intensa xornada que comezou as 6.30 horas, no momento da saída do sol, cando o público puido gozar dunha singular ópera contemporánea ao amencer composta e dirixida polo artista sonoro Ramón Souto e que se interpretou nos exteriores da Cidade da Cultura. 

O compositor vigués, sempre na procura de novas experiencias, combinou voz, instrumentación clásica como violíns, frautas, saxofón ou acordeón, con sons de motores, maquinaria de construción (formigoneiras, martelos hidráulicos, soldadoras, etc.) e ata unha avioneta percorrendo o ceo para xerar unha mestura de sonoridades coas que dar forma á peza NIHIL e escudriñar na anguria dunha vida sometida á repetición, ao cambio perpetuo e á ausencia de silencio.

O público que madrugou para esta estrea gozou dunha experiencia única a nivel acústico e visual na que o tránsito da noite á alborada se inseriu como parte fundamental da peza. Así, o ciclo reiterativo rompeuse coa chegada do novo día como esperanza e promesa chea de posibilidades.

Souto contou co apoio do programa de Residencias Artísticas do Gaiás da Xunta para crear esta obra, na que contou coa colaboración do artista visual Ignacio Barcia e a participación de Vertixe Sonora, o Ensemble New Music Tallino, o coro Réduit e os solistas Guillermina Gallardo Enrique Martínez e Gustavo Castillo.

Viaxe a Costa da morte

A derradeira xornada do festival continúa cunha viaxe á Costa da Morte. Da man da parella catalá-arxentina formada por Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi, o público da obra ¿Qué es el agua? viaxa en autobús desde Compostela ata Fisterra para explorar o simbolismo do mar e da auga a través dun itinerario que os levará polo cemiterio de César Portela e a praia de Langosteira, lugares onde os agardarán sorpresas.

Escenas do cambio seguirá esta tarde coa reinvención dun dos clásicos da escena contemporánea en España: Waterclose renova, vinte anos despois, a obra que deu nacemento ao Teatro de La Usina, na que Ángelica Briseño e Gabriel Molina relatan a crise dunha muller, pechada nun váter, explorando os conflitos que a oprimen.

O peche a esta edición virá coa peza OUTsideINsideOUTside de Sara Molina, un dos nomes imprescindibles para entender a creación contemporánea española nas últimas tres décadas.  Formada con Albert Boadella e Zubics-Panadeiro, esta actriz e dramaturga creará unha peza específica para a Cidade da Cultura coa que tece un relato sobre a verdade, e como nos transformamos nalgo que non queremos.