Un espazo web de referencia sobre o universo de Díaz Pardo completa a exposición ‘As miradas de Isaac’

Santiago de Compostela, 07 de Decembro de 2020

A Xunta presentou hoxe na Cidade da Cultura a web Isaac Díaz Pardo. Memoria viva – www.isaacdiazpardo.gal – que procura ser un espazo de referencia onde concentrar todo o universo do impulsor de achegas tan relevantes para Galicia como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicou a importancia deste “viveiro virtual”, desenvolvido en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que achegará a figura de Díaz Pardo tanto ao público xeral como aos investigadores especializados na súa obra. Neste senso, adiantou que funcionará como centro dixital de recursos (documentos históricos, vídeos, fotografías, material didáctico) e como “complemento que reforce e amplíe” a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo tras o seu falecemento en 2012, As miradas de Isaac.

O conselleiro estivo acompañado na presentación polos fillos de Díaz Pardo e comisarios da exposición: Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, ambos asesores e revisores principais desta páxina, á que lle cederon moito do material que a conforma. A rolda de prensa contou tamén coa participación de María América Díaz Pampín, que dirixiu este proxecto, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo.

Manter vivo o legado de Díaz Pardo

No acto, Román Rodríguez valorou o feito de que partir deste momento se dispón dunha gran “fonte de información accesible, ordenada e gratuíta sobre un dos galegos máis relevantes do século XX”. “Trátase de manter viva con esta ferramenta a obra, o pensamento e a memoria de Díaz Pardo, e tamén con el, unha memoria colectiva, unha das súas principais inquedanzas”, enxalzou.

Sobre a relevancia deste novo recurso, gabou que a web facilite a actualización con novas incorporacións, “sendo un recurso de divulgación sempre vivo da súa figura e obra”, á vez que amosou a satisfacción porque grazas a este portal pódese “amosar e acceder en aberto todo este importante material dun personaxe imprescindible”.

Neste senso, María América Díaz enfatizou que este espazo web, deseñado por Costa Comunicación Audiovisual, vaise converter “nunha das guías máis importantes” para achegarse á historia de Díaz Pardo xa que “unifica, concentra e pon en orde todo o inxente material dispoñible e disperso con máis de 150 documentos que se poden descargar”.

En concreto, enxalzou as “achegas únicas” que se poden atopar neste espazo como listaxes de embarque de 1957 e 1960 de Vigo a Buenos Aires onde aparece como pasaxeiro; documentación do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra; ou o catálogo da súa mostra en Londres no ano 1947.

Web tamén en inglés

María América Díaz adiantou na súa intervención que a web estará en breve tamén en inglés e debullou os contidos nos que se estrutura a páxina web. En total, son oito seccións baseadas nas seguintes temáticas: Vida, Familia, Amizades, Obra, Laboratorio de formas, Empresas, Fontes de estudo e Ao redor de Isaac.

Todas elas están interconectadas, polo que é posible navegar dun xeito sinxelo a outra seguindo o interese de cada usuario/a e mediante ligazóns.

Colaboradores

Para a creación deste completo viveiro virtual sobre a vida e a obra de Díaz Pardo, contouse coa colaboración de historiadores como Alfonso Mato e Gloria López e da filóloga e ex directora de Ediciós do Castro, Charo Portela, ademais de compañeiros pertencentes ao equipo de Díaz Pardo no desaparecido Instituto Galego de Información.

En materia de documentación, foi importante a aportación de documentación de Gloria Díaz; mentres que no eido de asesoría, revisión e cesión de materias destacan as achegas de Cecilia Díaz, fotógrafa e neta de Díaz Pardo, ademais dos fillos Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro. Súmanselle a estas colaboracións as dos fotógrafos Luis Díaz, María Lojo e Alessandro Caramellino.
En canto á documentación contouse con préstamos do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra, da Fundación Seoane, da Radio Televisión de Galicia, de Cerámicas do Castro e do Arquivo fotográfico Pacheco, de Vigo.

Dixitalización do patrimonio cultural

A páxina web Isaac Díaz Pardo. Memoria viva enmárcase dentro dos proxectos da Xunta de Galicia de dixitalización de importante patrimonio cultural, como foi o da recente iniciativa de dixitalizar os 144 exemplares da revista Nós coincidindo co centenario de saída do prelo do primeiro número.