Un combate poético púxolle o peche ao ciclo ‘Asaltos!’ que deu a coñecer no Gaiás facianas novas de 15 persoeiros da cultura

Santiago de Compostela, 17 de Novembro de 2018

O ciclo cultura Asaltos! clausurouse este sábado subindo ao ring creativo da Cidade da Cultura de Galicia á filóloga Chus Nogueira xunto aos poetas galegos Antón Blanco e Elías Portela, Premio Minerva e Premio Poesía Afundación, respectivamente, e arbitrados neste combate sobre versos por Silvia Penas, poeta, filóloga, performer e vocalista do grupo Cinta Adhesiva.

Con este cuarto combate creativo, Asaltos! chega ao seu fin, tras permitir coñecer enriba do escenario-cuadrilátero –montado enriba do Auditorio Neira Vilas, da Biblioteca de Galicia– novas e divertidas facianas creativas dun total de 15 púxiles. Este ciclo, en formato orixinal e rompedor, permitiu coñecer outras facianas creativas a personalidades de dentro e fóra de Galicia vencelladas co ámbito da literatura, da divulgación cultural, da tradución e da música.

Con Asaltos!, a Consellería de Cultura e Turismo quixo propor un formato que conectase os procesos culturais con novos públicos e, por iso, apostouse por un ciclo empapado de referencias estéticas e de linguaxes dirixidas a atraer o interese da mocidade. Deste xeito, amosóuselles a singularidade e variedade dos procesos creativos, dun xeito diferente e fresco –con entrada de balde, previa inscrición– no que foron participantes activos.

Precisamente, onte venres, día 16, subiron ao ring deste ciclo cultural para retarse coa oralidade e a improvisación a cantautora galega Ses, o repentista cubano Alexis Díaz-Pimienta e a regueifeira Alba María, con Xurxo Souto, d’Os Diplomáticos de Monte Alto, como moderador. Un combate que espertou un alto interese, ao cubrirse todas as prazas.

Catro Asaltos!

Coordinado pola investigadora e regueifeira Alba María Rodríguez, o ciclo Asaltos! arrancou a pasada fin de semana celebrando dúas sesións a tarde do venres e a mañá do sábado. Neste primeiro ring do día 10 contouse co escritor e director da Editorial Galaxia, Francisco Castro; o crítico literario e creador do blog Caderno da crítica, Ramón Nicolás; unha das propietarias da libraría coruñesa Berbiriana, Alejandra de Diego Lata; e Óscar López, xornalista cultural e presentador de Página 2.

No segundo Asaltos! do sábado día 11 puidemos ver no cuadrilátero un auténtico duelo de autora versus tradutora entre Ledicia Costas, escritora e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e Sara Margherita Cavarero, prestixiosa e premiada tradutora que trasladou ao italiano a obra de Ledicia Costas Jule Verne e a vida secreta das mulleres planta. Moderou este combate creativo e dialéctico María Alonso Seisdedos, tradutora ao galego de series míticas como Shin Chan e Premio Nacional de Tradución pola co-tradución de UIises, de Joyce.

Nos catro Asaltos! contouse cun amenizador musical para marcar os ritmos no cuadrilátero dialéctico-creativo, polo que a música foi tamén unha púxil máis cun papel especial grazas ás intervencións sonoras do DJ Jesús Andrés Tejada, da formación Cinta Adhesiva.