Última semana para afondar na obra de 36 referentes da arte contemporánea na mostra ‘De lugares e cousas’

Santiago de Compostela, 11 de Abril de 2023

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura despide este domingo 16 de abril a exposición De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell, unha mostra que percorre a evolución da arte contemporánea desde a segunda metade do século pasado ata os nosos días a través de 41 obras de 36 artistas entre os que se contan algunhas das figuras máis destacadas da creación plástica do século XX en Galicia, España e Portugal.

Referentes da abstracción, o informalismo ou a arte conceptual, como Eduardo Chillida, Antoni Tàpies, Ana Jotta ou Isidoro Valcárcel Medina, comparten espazo con artistas que están a despuntar a nivel nacional e internacional como Irma Álvarez-Laviada, David Bestué, Jordi Colomer, Jaume Plensa ou Teresa Solar Abboud, entre outros. Unha mostra do traballo de tres xeracións de creadores que exploran a relación simbólica entre os obxectos e os lugares que habitamos física e espiritualmente, confrontando tamén a obra artística co lugar no que se exhibe.

A modesta cabana de La habitación de la arquitectura prohibida, de Alicia Framis, por exemplo, cuestiona a funcionalidade do espazo ao que chamamos fogar, mentres Jaume Plensa, reflexiona en We, unha figura humana composta por letras de oito alfabetos distintos, sobre a diversidade e o que nos une.

Nesta escolma teñen tamén presenza catro artistas galegos: Antón Patiño, referente da abstracción en Galicia; Manolo Paz, escultor coñecido polos seus traballos coa seriación e a xeometría; Ángela de la Cruz, artista que se move entre a pintura e a escultura, a beleza e a violencia; e Christian García Bello, creador plástico que emprega en moitas das súas obras materiais atopados e reciclados aos que dota dun novo sentido.

De lugares e cousas. Colección de Arte Banco Sabadell pode visitarse no Museo Centro Gaiás de martes as domingo, en horario de 10 a 20 horas. Ademais, haberá visitas comentadas gratuítas ás 17.00 horas, todos os días da semana, excepto o sábado. Pódense reservar a través da web da Cidade da Cultura.