Trasládase ao interior do Museo Gáiás o espectáculo «Bailador» pola previsión de choiva

Santiago de Compostela, 28 de Abril de 2023

A Cidade da Cultura súmase o sábado 29 de abril á conmemoración do Día Internacional da Danza co espectáculo Bailador, unha peza de danza galega contemporánea baseada nas músicas de Berrogüetto e producida por Óscar Cobos Compañía de Danza. Por mor da previsión de choiva, a representación terá lugar no interior do Museo Centro Gaiás, en lugar de ao aire libre como estaba previsto inicialmente.

Tomando o seu título do célebre tema de Berrogüetto, Bailador proponse render unha homenaxe á raíz da nosa danza tradicional e ás mulleres que lograron transmitila ás novas xeracións, pero tamén á traxectoria dun grupo que soubo reinventar a música galega.

Producida, dirixida e coreografiada por Óscar Cobos, e con Jaime Pablo Díaz ao cargo da dirección artística, a peza reúne sobre o escenario a nove bailadoras cunha destacada traxectoria en diferentes agrupacións e asociacións folclóricas galegas: Ruth Pérez, Nerea Fouz, Rebeca Tallón, Cristina Canosa, Marta Mosquera, Nuria Gesteira, Uxía Portela, Eva Diago e Lorena Toimil. Xuntas daranlle forma danzada aos temas de Berrogüetto, nunha peza coreográfica cunha gran potencia visual e musical.

O espectáculo, que conta co apoio de Turismo de Galicia, ten entrada libre e de balde ata completar a capacidade do recinto. Comezará ás 20,30 horas (con apertura de portas media hora antes).

Óscar Cobos Compañía de Danza

Bailador, mestre, director, coreógrafo, produtor e investigador, Óscar Cobos comeza a súa andaina no eido do baile popular tradicional galego na A.F. Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela no ano 1988. Impartiu clases de danza tradicional nos centros galegos  de Nova York, Nova Jersey e Connecticut e na Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina. Formouse como intérprete e mestre de Tango-Danza na Universidade Nacional das Artes de Buenos Aires. En Compostela foi fundador de GS21 —compañía de danza galega que renova os conceptos do baile popular galego dende unha mirada contemporánea— e de OCDANZA, o seu proxecto máis actual —compañía profesional de danza que traballa o baile galego dende múltiples miradas, sendo ao tempo respectuoso coa herdanza adquirida e renovador na súa posta en escena.