A organización da Maker Faire Galicia deu a coñecer esta mañá nunha rolda de prensa os detalles da que será a cuarta edición desta feira de inventores e inventoras, consolidada como unha das máis importantes a nivel europeo e punto de encontro innovador e colaborativo a nivel galego. O director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, a concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Turismo do Concello de Santiago, Marta Lois, e a coordinadora da Maker, Matilde Rodríguez, foron os encargados de explicar polo miúdo a programación do evento, que se celebra na Cidade da Cultura os días 23, 24 e 25 de novembro.
Ademais da tradicional feira expositiva, onde se poderán ver as recentes e innovadoras creacións dos makers participantes, haberá un amplo programa de actividades dirixido a todo tipo de públicos como charlas, obradoiros, parkour ou carreiras de coches DIY. Tamén chaman a atención o exclusivo circuíto de drons que terá lugar no túnel subterráneo do Gaiás ou a Hebocon, un campionato de robots absurdos para familias. Coma todos os anos, as charlas serán un dos pratos fortes do evento, con relatores como o deseñador francés Gael Langevin, de InMoov, creador do primeiro robot humanoide de código aberto, ou David Aguilar, mozo español coñecido por construírse, con tan só 18 anos, unha prótese articulada a partir de pezas LEGO.
Destaca tamén a integración de conferencias independentes dentro do programa oficial do evento, como as coordinadas polo NOS Day, centrada no emprendemento e o mundo das startups, ou o grupo de mulleres tecnolóxicas Galstech, coas que se fomenta a colaboración entre as diferentes comunidades profesionais e tecnolóxicas de Galicia.
Para esta cuarta edición, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese. Tamén colabora co evento a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Xornada profesional
Ademais da feira dos días 24 e 25, a Maker Faire Galicia dedica, por segundo ano consecutivo, unha xornada dirixida exclusivamente ao sector profesional, na que contará con referentes a nivel internacional no ámbito da innovación. A cita terá lugar na mañá do 23 de novembro de 9:00 a 16:00 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
A xornada versará arredor da tecnoloxía, co foco posto no design thinking, a innovación na robótica ou na ciencia, e contará coas experiencias de Gael Langevin; Stiven Kerestegian, xefe de Innovación e Estratexia do CIID (Copenhagen Institute of Interaction Design) ou Zoe Powell, deseñadora téxtil especializada na creación de bioplásticos e membro de Materiom.
Zoe formará parte dunha mesa de debate sobre a importancia da tecnoloxía para redeseñar o mundo, na que tamén participará Gianluca Pugliese, da empresa Wasp, a cal creou unha impresora 3D capaz de imprimir casas por menos de 1.000 euros. No eido científico, Carmen Álvarez, licenciada e doutora en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, falará sobre os avances da bioimpresión nunha charla na que estará acompañada por responsables de REGEMAT, empresa española especializada na impresión 3D de tecidos biolóxicos.
Ademais, para esta xornada profesional, a organización seleccionou os 10 proxectos máis innovadores desenvolvidos por makers, na súa maioría de Galicia, que terán a oportunidade de presentar as súas creacións ante un xurado profesional que elixirá os tres mellores. O acto rematará coa entrega de premios e unha comida para participantes e asistentes a cargo de O Fogar do Santiso.
As persoas interesadas en asistir como público a esta xornada poden inscribirse a través do formulario dispoñible na páxina web do evento. Para participar nas actividades da fin de semana pódense adquirir entradas a un prezo de cinco euros para os dous días. Os menores de 14 e maiores de 65 anos poderán acceder de balde.

