A segunda edición de #CreaGaiás enche de creatividade o Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 11 de Abril de 2019

O Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura acolleu esta tarde a segunda edición do CreaGaiás, no marco do cal foron entregados os galardóns de dous certames de fotografía dirixidos a instagrammers e fotógrafos amadores que retratasen dun xeito creativo o día a día no viveiro e coworking do Gaiás. Concibida como unha xornada lúdica para formar, apoiar e pór en valor profesionais e emprendedores/as do sector creativo, o programa incluíu obradoiros, charlas, espazo para o networking e un mercado no que o público asistente puido coñecer de preto diversos proxectos do sector creativo, tanto residentes no Gaiás como de empresas convidadas.

A entrega de premios contou coa participación do director xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo Suárez, e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo. Lorenzo eloxiou a existencia de iniciativas como CreaGaiás “coa que se quere potenciar o emprendemento, sobre todo desde o ámbito da creatividade”, explicou. “Agardamos que darlles ás persoas emprendedoras un espazo onde formarse, coñecer casos de éxito e intercambiar experiencias enriqueza o seu traballo e lles axude no percorrido desde as etapas iniciais dos seus proxectos”, remarcou o director xeral.

Pola súa banda, a directora xerente da Cidade da Cultura quixo pór en valor a oferta do Centro de Emprendemento do Gaiás, na que se enmarca esta xornada, e que “máis aló dos recursos e programa de acompañamento dirixidos aos emprendedores que teñen aquí a súa sede, desenvolve unha ampla programación dirixida a estimular o talento e crear cultura emprendedora en Galicia”. “Só en 2018 programáronse unhas 71 actividades arredor do emprendemento ás que asistiron arredor de 14.000 persoas, unha tendencia coa que agardamos continuar en 2019”, explicou Vázquez Reboredo.

Traballos galardoados

No certame foi premiado o traballo fotográfico colectivo dos participantes do programa #Go2Work, o espazo de coworking impulsado pola EOI e o Igape coa colaboración do Centro de Emprendemento do Gaiás, dirixido a proxectos emprendedores das industrias culturais e tecnolóxicas nas primeiras fases de desenvolvemento. Este grupo de alumnos e alumnas retratou en sete imaxes e dun xeito creativo e desenfadado o seu día a día no programa, reportaxe que lles valeu seren galardoados cun premio de 1.200€. Na outra modalidade do concurso, desenvolvida a través da rede social Instagram, foi premiada con 300€ unha instantánea do fotógrafo amador Iago Rodríguez Palmeiro, na que retratou a conciliación como a cara oculta do emprendemento. Os gañadores foron elixidos por un xurado composto por representantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, da Cidade da Cultura e da empresa de xestión cultural Correveydile.

Concerto, faladoiro, talleres e un mercado de emprendemento creativo

Un faladoiro e posterior concerto de Pauline en la Playa puxo a nota musical da xornada. As persoas asistentes a CreaGaiás puideron gozar así dun encontro moi persoal co dúo xixonés e ter un petisco sonoro do seu novo traballo previsto para esta primavera. Mar e Alicia Alvárez, nomes propios da escena musical independente desde os 90, compartiron coa audiencia as súas inquedanzas e reflexións sobre o proceso creativo, nunha charla moderada polo xornalista Tito Lesende. No concerto acústico posterior o dúo indie-pop despregou no Gaiás todo o seu talento e coidadas letras, cun imaxinario propio cheo de tenrura e ironía ao que levan transportando á audiencia ao longo de dúas décadas en activo, seis discos e innumerables directos. 

Completaron o programa da xornada dous obradoiros para emprendedores e profesionais. No primeiro, impartido por AlmaZen de Ioga, os e as participantes tiveron un achegamento á hixiene postural e ao ioga no entorno laboral para unha mellor saúde profesional. O segundo taller, impartido pola fotógrafa e formadora Cristina Andrés Pontanilla, estivo enfocado a tirar o máximo partido da cámara do móbil para lograr mellores fotos para as redes sociais. CreaGaiás 2019, de entrada libre e de balde, incluíu tamén un mercado de empresas e persoas emprendedoras do sector creativo, ademais de espazo para o networking e unha sesión musical con Rapariga DJ.

Para profesionais do sector

CreaGaiás é unha iniciativa impulsada pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia a través do seu Centro de Emprendemento e coa colaboración da empresa de xestión cultural Correveydile. A actividade está dirixida a persoas emprendedoras ou profesionais do sector creativo, así como a público interesado en coñecer de primeira man as empresas residentes no Centro de Emprendemento do Gaiás, que desde a súa creación apoiou xa uns 400 proxectos. Conta ademais coa colaboración da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, e as empresas Daveiga e Bodegas Lodeiros.

Na súa segunda edición, CreaGaiás volve sumarse á programación da Cidade da Cultura arredor do emprendemento no eido das industrias culturais, campo que, xunto coa tecnoloxía e a cultura, é un dos tres eixes nos que opera o Gaiás. O seu Centro de Emprendemento ofrece un espazo de coworking, un viveiro de empresas e unha área tecnolóxica na que compañías punteiras, como Vodafone, desenvolven proxectos de apoio a start-up galegas. O CEM conta tamén cun programa de titoría e acompañamento na posta en marcha de modelos de negocio, maduración de ideas empresariais, asesoría financeira, networking e showrooms.