O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a exposición A terra do ouro branco, situada no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, representa un gran atractivo cultural ás portas do Xacobeo 2027, apuntando que a mostra contribúe a amosar o patrimonio cultural a todos os visitantes e peregrinos que cheguen a Galicia nos vindeiros meses
“A ourivería tivo sempre un enorme valor en tódolos sentidos e é tamén un xeito de entender a nosa historia un pouco mellor”, apuntou Rueda. A iniciativa, organizada pola Xunta en colaboración co Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) do CSIC, poderá visitarse ata o 25 de abril do próximo ano. Tal e como explicou Rueda, a exposición componse de máis de 160 pezas da ourivería galaica prerromanas, algunhas con máis de 3.000 anos de antigüidade, procedentes de acordos con 28 museos e institucións culturais de Portugal, Reino Unido, España e Dinamarca. Así, moitas delas nunca antes se exhibiran en España e outras regresan a Galicia por primeira vez tras pasar décadas nas vitrinas de grandes museos europeos. “Temos un magnífico patrimonio e sabemos como amosalo para que a xente o poida non só desfrutar, senón tamén entendelo como é neste caso”, sinalou.
A exposición
A exposición traza a evolución da ourivería antiga e a súa influencia ata os nosos días. Para iso, reúne torques e outras xoias prerromanas —como diademas, arracadas, brazaletes ou aros de cabelo—, con esculturas, ferramentas e obxectos relacionados co traballo do ouro, así como audiovisuais, ilustracións e animacións que permiten entender non só a artesanía dos pobos galaicos, senón tamén os usos sociais e rituais que lle daban a estas pezas.
Ademais, A terra do ouro branco contará cun arqueoplanetario, unha instalación pioneira en Europa e inédita en exposicións de temática arqueolóxica, na que se recrearán as relacións de eventos astronómicos coa localización dalgúns dos conxuntos de ourivería antiga máis importantes de Europa, como o tesouro de Caldas de Reis.
