A quinta edición do festival Pequefilmes chega tamén á rede con 49 curtas infantís de 18 paises

Santiago de Compostela, 23 de Xaneiro de 2021

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade promove a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os máis pequenos e pequenas cunha nova edición do festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, que mañá arranca na Cidade da Cultura de Galicia, podendo verse tamén, por vez primeira, a través da rede. A directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, presentou esta mañá no Gaiás a programación e novidades desta quinta edición de Pequefilmes, acompañada do director do festival, Jorge Rivero, e do director da Agadic, Jacobo Sutil.

Na súa intervención, Vázquez Reboredo puxo de relevo as dúas novidades desta nova entrega do festival que, por unha banda, estende a programación a catro xornadas de proxeccións no Gaiás ¬–23, 24, 30 e 31 de xaneiro– e, por outra, dá por primeira vez o salto dixital. Así, as familias poderán gozar tamén da escolma de curtas de Pequefilmes desde as súas casas, accedendo a través da plataforma tv.festhome.com, “nunha aposta pola emisión para potenciar o consumo de cultura nun momento marcado pola actual situación da covid-19”, sinalou.

A responsable da Fundación Cidade da Cultura quixo tamén destacar a “coidada programación dun festival que, con 49 curtas seleccionadas procedentes de 18 países, se consolida ano a ano como unha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais internacionais de gran calidade que adoitan quedar fóra do seu alcance ao non atopárense nos circuítos de exhibición convencionais”. Precisamente, engadiu, “un total de 14 das curtas escollidas estréanse por vez primeira en España en Pequefilmes, mentres que a case totalidade do programa nunca pasara antes polas salas de proxección galegas”. Deste xeito o festival, como evento para a exhibición de curtametraxes infantís, procura tamén estimular a produción deste tipo de obras, ofrecendo un espazo para achegalas ao público.

Programación

A escolma de curtas programadas inclúe curtametraxes de ficción, tanto animadas como de imaxe real, con técnicas, temáticas, puntos de vista e historias diferentes, que procuran promover o gusto polo audiovisual de calidade desde as idades máis novas, e desenvolver entre o público infantil actitudes de espectadores críticos. Así, e segundo destacou o director do festival, Jorge Rivero, a programación realízase procurando “incidir en aspectos sociais e éticos, sen perder de vista nunca o divertimento, adaptándose aos diferentes intereses e gustos dos máis pequenos da casa, e apostando sempre pola produción audiovisual de calidade”, como reflicten os recoñecementos logrados por moitas das pezas seleccionadas.

Entre as curtas escollidas atópanse obras seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo, destacando o caso de Blue & Malone: Casos imposibles, candidata ao Goya á mellor curta de animación. A peza dirixida por Abraham López foi tamén premiada en varios festivais internacionais, como o Something Wicked Film Festival (Lawrenceville, Georgia, EE.UU.) ou o MM Fest (Serbia).

Outras dúas curtas españolas que se poderán ver no festival, Paraguas e Souvenir, atópanse pola súa banda seleccionadas dentro da Competición Internacional Públicos Mozos do festival Clermont-Ferrand. As dúas cineastas que asinan a curta Souvenir –Cristina Vilches e Paloma Canónica– formáronse en Galicia, no Máster en libro ilustrado e animación audiovisual da Universidade de Vigo. O programa inclúe tamén a estrea da curta galega Night Keeper, peza de animación de Cynthia González e Daiana Tito, producida pola Escola de Imaxe e Son de Vigo.

Curtas como Blanket, de Marina Moshkova (Rusia); Das beste Orchester der Welt, de Henning Backhaus (Austria); El Pájarocubo, de Jorge Alberto Vega Rivera (Colombia); Me a monster?, de Belinda Bonan (España); ou Migrants, de Hugo Caby, Antoine Dupriez, Lucas Lermytte e Zoé Devise (Francia), foron tamén premiados e seleccionados nos mellores festivais de cine infantil e de animación do mundo, como os Premios Max Ophüls, os Premios Quirino de Animación Iberoamericana, o Florida Animation Festival, o Animation Friendly Festival (Eslovenia), o International Children’s Film Festival of Jaipur, o BuSho – Budapest International Short Film Festival, ou o Rüsselsheimer Filmtage.

Entradas á venda

As entradas para a primeira fin de semana de Pequefilmes 2021 atópanse á venda na billeteira do Museo Centro Gaiás e en ataquilla.com –a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión–, mentres que as da segunda fin de semana poderanse mercar a partir do vindeiro martes. No marco das medidas pola covid, o festival adaptou as súas salas de proxección, axustando o número de prazas ás medidas vixentes para manter a distancia de seguridade entre as persoas non pertencentes á mesma unidade de convivencia. Para poder seguilo a través da plataforma tv.festhome.com só hai que rexistrarse e mercar a entrada para a sesión escollida (a un prezo de 5 euros) ou o abono para as oito sesións do festival (30 euros).