Performance en defensa dos dereitos das mulleres | 'Escenas do cambio 2020'

Santiago de Compostela, 31 de Xaneiro de 2020

Escenas do cambio -o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura-arrancou hoxe no Gaiás con Relay, unha performance da prestixiosa coreógrafa Ula Sickle en defensa dos dereitos das mulleres. Gabada pola crítica internacional, foi a primeira vez que puido verse en España esta peza inspirada nas mediáticas e multitudinarias marchas negras de 2016, cando centos de milleiros de mulleres polacas saíron á rúa para rebelarse contras as medidas sexistas do goberno polaco.

 

Por este motivo, a artista polaca-canadense realizou nesta peza unha coreografía colectiva baseada en portear e ondear durante máis de cinco horas unha bandeira negra xigante. A obra procurou representar dun xeito simbólico os colectivos e comunidades que senten que deben estar a alerta loitando para que os seus dereitos sexan respectados.

A programación de apertura do Escenas do cambio 2020 complétase hoxe con Pentecostés, da recente renomeada compañía galega Pálido Domingo, que experimentará ás 20.30 horas coa arte en movemento para crear unha peza intimista, coa linguaxe corporal do cotiá e cos cativadores cantos gregorianos como protagonistas.

Cinco de obras de danza e arte en acción na fin de semana

Estas dúas obras supoñen o inicio dunha programación que permitirá gozar durante esta fin de semana no Gaiás dun total de cinco pezas que xiran ao redor da danza contemporánea e das linguaxes do corpo. Deste xeito, o certame -incluído na programación do Xacobeo 2021- tamén reunirá nestes tres días en Compostela a figuras internacionais tan relevantes como Eszter Salamon ou Leonor Leal e a creadores emerxentes galegos como Los Bravú.

Precisamente, a programación de mañá sábado ábrea, en estrea absoluta, a primeira incursión na escena da parella de artistas plásticos Los Bravú, formada por Dea Gómez (Salamanca, 1989) e Diego Omil (Pontevedra, 1988). Segundo os autores, trátase de “retranca, danza e música electrónica para criticar o consumo cultural repetitivo e baseado no automatismo do turista contemporáneo”.  En Caderno de vacacións aceptaron o reto-convite lanzado polo director artístico do festival, Pablo Fidalgo, para atreverse a abandonar a súa zona de confort creativa (as artes plásticas) e dar o salto á escena.

O baile e cante flamenco tamén terá espazo mañá sábado en Escenas do cambio 2020. Neste caso, a bailaora Leonor Leal recupera en Ahora bailo yo a reivindicativa e valente peza de José Heredia Maya, quen en 1976 se atreveu a crear e representar unha obra de teatro flamenca, onde se denunciaba a persecución e marxinación do pobo e cultura xitana, tal e como quedaba recollido en varios artigos do regulamento da Garda Civil da época.

Foi gabada pola crítica, mais tivo o seus custos; recibiu coaccións e ameazas e ata un teatro que a programaba foi incendiado. No entanto, conseguiu sacudir consciencias. Dous anos despois, en 1978, tras unha xira por España, París e Milán, artigos xenófobos do regulamento da Garda Civil cara a esta etnia foron suprimidos.

Pechará o domingo esta primeira semana de Escenas do cambio 2020 a prestixiosa e premiada coreógrafa Eszter Salamon, que en M/others volve subirse por segunda vez ao escenario coa súa nai. Unha peza tamén valente para facer fronte, a través da danza contemporánea, as tensións e os afectos das complexas relacións nai-filla e que a artista húngara pretende que teña continuidade con outras intérpretes con idénticos vencellos familiares.

Xuízo real a Hamlet na segunda semana

O festival retomará a súa programación o xoves 6 de febreiro con outras cinco pezas, entre as que destaca o xuízo a Hamlet por parte dun equipo xudicial real en activo (xuíz, avogado, fiscal, forense e psiquiatra). Nesta obra o dramaturgo catalán Roger Bernat xulga o personaxe de Shakespeare como un asasino común e o público que asista tamén terá un papel activo: converterase en xurado popular. Ademais, a obra ten o atractivo engadido de que se representará (o venres 7 de febreiro) na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Antes desta obra, o xoves 6, Escenas do cambio trasladarase ao casco histórico de Compostela. No Salón Teatro poderá verse a performance Légende de Romain Teule e, a continuación, no Teatro Principal, Dorothée Munyaneza reconstruirá en Samedi Détente o xenocidio da súa Ruanda natal desde a perspectiva real de testemuña deste cruento conflito cando era tan só unha cativa.

Nesta presenza de artistas con proxección internacional, débese salientar a peza de Jerk, de Gisèle Vienne. A partir dunha novela de Dennis Cooper, co que habitualmente soe colaborar, a francesa reconstrué nesta obra o caso real de Dean Corll, quen asasinou nenos en Texas coa axuda de dous adolescentes. A representación destas historias será a través dun actor-ventrílocuo e monicreques.

Pechará o festival, o sábado 8 de febreiro, Tres vellas (polo menos) que reúne nun mesmo escenario a tres dos mellores narradores orais de Galicia:  Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Luís Gutiérrez 'Guti', que ademais de fiar con humor e retranca historias cotiás e de vida, tamén cociñarán ‘in situ’ para os e as asistentes.

Colaboracion internacional e venda de entradas


Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2020 promovido pola Xunta conta cunha rede de colaboradores como o INAEM, o Instituto Camões
de Portugal en Vigo, o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago, xa que continúa a liña aberta de estender a súa programación máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais da capital de Galicia, como o Teatro Principal.

Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2020 está na páxina da Cidade da Cultura de Galicia -www.cidadedacultura.gal- e tamén na do festival -www.escenasdocambio.org-.