Pequefilmes continúa exclusivamente en liña

Santiago de Compostela, 28 de Xaneiro de 2021

O festival infantil de curtametraxes Pequefilmes, promovido pola Xunta de Galicia para fomentar a creatividade e o gusto polo audiovisual entre os públicos máis novos, continuará o seu desenvolvemento a través da rede. Entre o sábado 30 de xaneiro e o luns 1 de febreiro, o público poderá ver desde as súas casas a escolma de curtametraxes do festival –organizada en catro sesións– a través da plataforma tv.festhome.com.

En cumprimento das medidas sanitarias de contención da pandemia da covid-19, a Cidade da Cultura suspende así as proxeccións presenciais pero continúa a desenvolverse exclusivamente en liña. Precisamente o festival dou este ano por vez primeira o salto dixital, nunha aposta pola emisión a través da rede para potenciar o consumo de cultura nun momento marcado pola actual situación da covid-19.

Nesta quinta edición, Pequefilmes seleccionou un programa de 49 curtametraxes de ficción procedentes de 18 países, tanto animadas como de imaxe real, con técnicas, temáticas, puntos de vista e historias diferentes, que procuran promover o gusto polo audiovisual de calidade desde as idades máis novas, ademais de tentar desenvolver entre o público infantil actitudes de espectadores críticos.

Cinema fóra dos circuítos convencionais

O festival organizado pola consellería de Cultura, Educación e Universidade consolídase ano tras ano como unha oportunidade para que os máis novos da casa vexan pezas audiovisuais internacionais de gran calidade que adoitan quedar fóra do seu alcance ao non atopárense nos circuítos de exhibición convencionais. Precisamente nesta edición, un total de 14 das curtas escollidas estréanse por vez primeira en España en Pequefilmes, mentres que a case totalidade do programa nunca pasou antes polas salas de proxección galegas. Deste xeito o festival, como evento para a exhibición de curtametraxes infantís, procura tamén estimular a produción deste tipo de obras, ofrecendo un espazo para achegalas ao público.

Entre as curtas escollidas atópanse obras seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo –como Clermont Ferrand, os Premios Max Ophüls, os Premios Quirino de Animación Iberoamericana, o Florida Animation Festival, o Animation Friendly Festival (Eslovenia), o International Children’s Film Festival of Jaipur, o BuSho – Budapest International Short Film Festival, ou o Rüsselsheimer Filmtage. Destaca espacialmente o caso de Blue & Malone: Casos imposibles, candidata ao Goya á mellor curta de animación e xa premiada en varios festivais internacionais, como o Something Wicked Film Festival (Lawrenceville, Georgia, EE.UU.) ou o MM Fest (Serbia).

Para poder seguir o festival desde a casa só hai que rexistrarse na plataforma tv.festhome.com e mercar a entrada para a sesión escollida (a un prezo de 5 euros) ou o abono para as catro sesións restantes do festival (15 euros).