'Pensar coas mans' reivindica no Gaiás a calidade e proxección internacional da artesanía galega

Santiago de Compostela, 12 de Abril de 2019

O Museo Centro Gaiás abre ao público Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, exposición coa que a Xunta quere pór en valor a calidade e proxección internacional da artesanía galega. Nun momento no que volve gañar protagonismo a autenticidade do feito a man, este proxecto da Cidade da Cultura de Galicia reivindica a necesidade de manter vivos oficios que corren perigo de desaparecer e dirixe a atención cara o recoñecemento que están a obter os artesáns galegos, como acredita o interese de publicacións especializadas, marcas internacionais como Loewe, chefs con estrelas Michelin ou a presenza dos seus traballos en feiras como Maison & Objet en París, Formex en Estocolmo ou a London Design Fair.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, que subliñou a capacidade da artesanía para reflectir a identidade dunha comunidade, destacou a “excelencia técnica e a capacidade de innovación” dunha xeración de artesáns que esta a demostrar “coñecer a fondo a tradición”. A apertura deste proxecto colectivo, no que achegan pezas 65 artesáns, 14 museos e 10 coleccionistas privados, contou tamén coa presenza do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, departamentos colaboradores desta exposición.

Pensar coas mans ofrece unha visión da artesanía non só como gardiá de oficios en perigo de desaparecer, senón formulando unha idea de futuro que fala da beleza dos materiais naturais e da capacidade dos obxectos para expresar a identidade”, remarcou o conselleiro de Cultura, quen describiu a mostra como unha das máis completas sobre a artesanía galega realizada ata o momento, ao abranguer unha “ampla viaxe no tempo desde a actualidade á Idade de Ferro”.

Para facer este percorrido, Román Rodríguez gabou a escolma realizada pola comisaria da mostra, Verónica Santos, de 250 pezas (procedentes de 24 xoieiros, 17 ceramistas, 13 artistas de cerámica e 8 cesteiros) e salientou a incorporación na exposición de creacións do alumnado das escolas de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela e a Ramón Falcón de Lugo para “recoñecer o papel que estes centros, antigas escolas de artes e oficios, están a xogar na formación de novas xeracións de artesáns e na preservación de técnicas tradicionais”.

Valor artístico, cultural, antropolóxico e económico

Finalmente, o conselleiro agradeceu a colaboración na exposición da Fundación Artesanía de Galicia, pertencente á Consellería de Economía, Emprego e Industria, e tamén da Secretaría Xeral de Igualdade. Precisamente, o conselleiro Francisco Conde sinalou que a artesanía de Galicia está viva porque sabe adaptarse aos novos tempos e chegar a novos mercados.

Conde lembrou que é un sector no que en Galicia traballan hoxe máis de 5.000 persoas, e que hai 635 obradoiros que venden os seus produtos baixo a marca Artesanía de Galicia. O conselleiro apuntou que na artesanía galega tradición e modernidade van da man, facendo fincapé en que a innovación e a incorporación de novos talentos están a enriquecer un sector no que se está a impulsar o diálogo interxeracional, con iniciativas como o programa de formación de aprendices, que ten aberta a súa segunda convocatoria ata o 16 de setembro.

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, puxo en valor a importante achega que realizaron ás artes e á cultura galega as mulleres, que entenderon as posibilidades da diversificación da economía a través de actividades como a artesanía. Ademais, apostou por seguir poñendo en marcha iniciativas que lle dean visibilidade á presenza feminina nos distintos ámbitos de creación.

Artesáns e artesás de renome internacional

Na apertura de Pensar coas mans, a comisaria da mostra, Verónica Santos, destacou o feito de que a exposición permitirá admirar xuntas pezas de autores ou talleres de “renome internacional” como é Idoia Cuesta, cuxa innovación na cestería espertou o interese de firmas como Loewe, coa que colabora; ou de Ojea Studio e Cerámica Suve, cuxas vaixelas son empregadas na alta cociña de chefs como Pepe Solla, Pepe Vieira ou Carme Ruscalleda; ou Madriguera Workshop, que vén de participar na Maison & Objet de París, feira internacional de referencia no eido da decoración.

No entanto, aclarou que a exposición viaxa ao pasado ata chegar á Prehistoria, con achados e pezas nos que se amosan creacións e tendencias desde a Idade Media ao Barroco, prestando especial atención á rica e prolífica tipoloxía de obxectos tradicionais en cestería, cerámica e xoiería.

A comisaria quixo salientar que a arte e a cerámica ten unha “especial presenza” na mostra; xa que a escolma dos artistas cerámicos está presidida polo galego Xabier Toubes, un dos seus máximos representantes, quen dirixiu durante anos o European Ceramic Work Centre de Holanda. Así mesmo, fixo fincapé en que completarán este desfile recoñecidos xoieiros como Marta Armada, Susi Gesto ou Noroeste Obradoiro, entre outros.

Intervención de Izaskun Chinchilla

Para exhibir estas pezas contemporáneas no Museo Centro Gaiás, Izaskun Chinchilla, arquitecta recoñecida pola seu compromiso coa sustentabilidade, deseñou unha montaxe baseada na construción de catro cúpulas xigantes, inspiradas na obra As sete lámpadas da arquitectura de John Ruskin, obra clave dun dos defensores históricos da artesanía no movemento arts&crafts.

A partir deste marco conceptual, Chinchilla procurou que a montaxe, ademais de formular unha solución atractiva e ordenada para exhibir as pezas, transmita ao visitante unha visión da artesanía no século XXI. Seguindo esta idea, recibe o visitante unha cúpula construída con corenta cestas de madeira de castiñeiro fabricadas por Enrique Táboas, último cesteiro galego que domina a técnica da cestería de verga e que emprega material recollido nos montes próximos a onde reside. Esta lámpada acolle no seu interior pezas contemporáneas de cerámica.

Noutra lámpada, Chinchilla empregou cen pratos deseñados por O Rulo, artesán de referencia en Buño, que serve para mostrar as pezas de xoiería contemporánea. As pezas de cestería exhíbense noutra estrutura-lámpada. Por último, existe unha cuarta estrutura —fabricada a base de espellos— na que terán lugar os obradoiros, charlas e demostracións desde esta mesma fin de semana e ata a clausura da exposición, o 8 de setembro.

Exposición viva

Pensar coas mans ponse en marcha como unha mostra non só para ver, senón tamén para facer. Por este motivo, cada fin de semana ata finais de xuño, o Museo Centro Gaias converterase nun grande obradoiro aberto ao público, onde artesáns e artesás das diferentes especialidades realizarán talleres e demostracións sobre cerámica, cestería e xoiería, organizados pola Fundación Pública Artesanía de Galicia.

O obxectivo é estimular non só o gusto polos obxectos artesáns, senón tamén a práctica destas técnicas tradicionais. Así, desde esta mesma fin de semana haberá demostracións de como se elaboran os tradicionais sancosmeiros e tamén de torneado cerámico, impartidos por Susana González, Antón Román e Roberto Piñeiro. Ademais con inscrición previa na páxina web da Cidade da Cultura e con límite de prazas, realizaranse obradoiros de ourivería con Susi Gesto e de cestería con Julia de la Cal.