'Paisaxes incultas' enxalza o valor do monte autóctono galego para o patrimonio cultural

Santiago de Compostela, 01 de Xullo de 2020

A Cidade da Cultura de Galicia ten aberta nas Torres Hejduk a instalación artística Paisaxes incultas, unha intervención de Cristina García Fontán, na que enxalza o importante valor para o patrimonio cultural do monte autóctono galego e na que nos advirte da metamorfose que está a sufrir pola invasión de especies adventicias.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, achegouse a visitala, guiada pola instalación pola autora, a arquitecta paisaxista Cristina García Fontán, quen lle explicou a reconstrución na torre opaca dun bosque con vexetación típica con musgo, liques, matogueira, breixo e toxo; mentres que na transparente, recreou un monte ateigado de plantas foráneas, como eucaliptos, mimosas e outras plantas adventicias frondosas, que dificultan a visibilidade.

CONTEDOR DUN RICO PATRIMONIO CULTURAL INMATERIAL

Cristina Fontán apuntoulle que o terreo inculto (sen cultivo ou labor) é unha característica moi propia do monte autóctono galego e é, precisamente, a que dá nome a esta intervención coa que se trata de reflectir “unha dualidade na procura dunha reflexión crítica, construtiva e colectiva”.

Na súas explicacións sobre a instalación, a arquitecta paisaxista incidiu en que o monte autóctono galego é “máis ca paisaxe; é contedor dun rico patrimonio cultural inmaterial”. Ao respecto, recordou o feito de que en Galicia cada pedra ten un nome e cada planta, un uso; e onde en moitos dos seus recunchos xermolan lendas milenarias que foron alimentando a súa identidade. Precisamente, moitas delas pódense escoitar dentro da instalación.

No entanto, alertou que a acción do home está a mudar o aspecto do monte autóctono. Unha metamorfose física que evidencia con esta confrontación nas Torres Hejduk coa que quere incidir nas consecuencias “non só estéticas, senón ecolóxicas e que tamén atinxen ao xeito que ten de relacionarse a poboación con el”, concluíu.

O aceno que Paisaxes incultas pon no medio ambiente tamén se ve reflectido en contar con Viaqua como patrocinadora, xa que se trata dunha institución estreitamente vencellada a iniciativas deste eido cun claro compromiso de respecto e coidado medioambiental, como é o caso de Paisaxes incultas.

 

CRISTINA GARCÍA FONTÁN

 Doutora arquitecta especializada en Urbanismo pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, onde imparte docencia e coordina o Grao en Paisaxe . Forma parte do Grupo de Investigación Persoa-Ambiente, que desenvolve numerosas iniciativas sobre a cidade e a sustentabilidade.

Como proxectos destacados en materia de paisaxe están o ‘Corredor Verde’ da Almáciga e o ‘Plan director de recuperación paisaxística’ do Monte do Gozo. Ademais, colaborou na redacción da Estratexia Urbana da Infraestrutura verde da Área urbana da Coruña.