Os Magostos no Gaiás en liña

Santiago de Compostela, 25 de Outubro de 2020

A Cidade da Cultura de Galicia bota a andar hoxe a celebración dos Magostos no Gaiás co concerto de Luar na lubre, ao que asistirá o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. O concerto pode seguirse en liña pola canle de youtube e polo web da Cidade da Cultura para que deste xeito ningunha persoa interesada quede sen velo, tras a redución de público presencial ao que obrigou a situación actual da covid-19.

Esta retransmisión en liña repetirase cos seguintes concertos dos Magostos no Gaiás dos sábados 31 de outubro e 14 de novembro, amenizados cada un deles co jazz contemporáneo de Sumrrá e cos inconfundibles sons de folk de Milladoiro. Todo co obxecto de chegar ao maior número de persoas, debido ás restricións presenciais que supón a situación epidemiolóxica actual.

En todo caso, o público que se achegue hoxe ás 20 horas ao Museo Centro Gaiás gozará dun dos mellores grupos de música tradicional galega, como é Luar na lubre, coas medidas de seguridade sanitaria esixidas co obxecto de que festexen o magosto no Gaiás con total tranquilidade: xel hidroalcólico á entrada e á saída, distancia social de seguridade de 1,5 metros entre as persoas non conviventes e máscara sanitaria durante todo o concerto, que deberá verse sentado en cadeiras.

Este protocolo repetirase no resto de Magostos no Gaiás, onde non van faltar, como en anos anteriores, as castañas da Indicación Xeográfica Protexida de Galicia (IXPG), entidade colaboradora desta celebración na Cidade da Cultura. No entanto, repartiranse en bolsas individuais aos e ás asistentes ao final de cada actuación para que as degusten ou preparen na casa.

Luar na lubre

A formación, nada na Coruña en 1986 coa vocación de dar a coñecer a música e a cultura tradicionais galegas, conta cun repertorio baseado fundamentalmente na música de raíz. Actualmente é unha das bandas máis internacionais de Galicia e ten actuado en Palestina, no Canadá, en Alemaña ou na Arxentina. Aos Magostos no Gaiás traen o seu último traballo Vieiras e vieiros, historias de peregrinos, un álbum que visualiza a pegada artística, cultural e natural do Camiño de Santiago a través das historias dos seus camiñantes.

Sumrrá

A vindeira das actuacións dos Magostos no Gaiás será o sábado 31 de outubro con Sumrrá. Tras vinte anos xuntos, seis discos editados e centos de concertos, esta formación é unha referencia do jazz contemporáneo e, sen dúbida, un dos tríos máis interesantes da escena jazzística española. Dende os seus inicios no ano 2000, cativou á crítica e público cun jazz inclasificable, melódico e moi aberto, destacando a orixinalidade das súas composicións, o alto nivel dos seus músicos e a frescura dos seus directos.

Milladoiro

O último dos Magostos no Gaiás virá da man grupo galego de música folk celta máis valorado e recoñecido internacionalmente, Milladoiro. Nado a finais da década de 1970 da unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. A formación está considerada unha das máis importantes no eido da investigación de novas sonoridades para o folk galego. Entre os seus múltiples recoñecementos atópanse os premios da Crítica e da Música e as Medallas Castelao e de Galicia. Este concerto no Gaiás inclúese dentro da programación dos Fondos de Proxectos Culturais Xacobeo 2021 da Secretaría Xeral de Política Lingüística.