O presidente da Xunta alude en Carta de Santiago á innovación, tecnoloxía e rigor como vectores clave para abordar os retos globais

Santiago de Compostela, 06 de Novembro de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao coñecemento, á innovación, á tecnoloxía e ao rigor e á capacidade como vectores clave para abordar os retos globais.

Durante o acto de inauguración do foro internacional Carta de Santiago: Diálogos para unha sociedade de futuro, en cuxa organización colaborou a Fundación Paideia, e no que se dan cita 40 líderes en catro macroáreas -cultura, ambiente, ciencia/tecnoloxía e economía/sociedade- Feijóo resaltou a importancia da celebración de ciclos de conferencias coma este para, desde a reflexión e o diálogo, abordar o futuro desde perspectivas tan distintas. Entre os participantes destacan nomes como Gunter Pauli. Joséphine Goube, María Neira ou Carolyn Steel.

Nesta liña, aseverou que non hai mellor enclave para comprender cara onde evoluciona a Humanidade que desde o epicentro dunha das súas creacións máis gloriosas: o Camiño de Santiago. “O Camiño, e por extensión Galicia, ofrecen unha parábola do que urxe no mundo de hoxe. O Camiño inspíranos para apostar polo sosego e as solucións reais e razoables; evidencia os mellores froitos da globalización e a cohesión europea; e impón o seu poder brando de concordia e entendemento entre distintos”, dixo, incidindo en que este foro fai aínda máis universal e ampla a chamada ao diálogo, á reflexión e á concordia que encarnan as Rutas Xacobeas.

O titular da Xunta aproveitou o acto para volver apostar por unha transición xusta que evite o desamparo de millóns de persoas: “Se a transición cara á un modelo sostible se fai de maneira abrupta e desordenada, entón non falamos dunha transición, senón dun salto sen rede”, abundou.

Así mesmo, subliñou a oportunidade que supoñen os fondos europeos para avanzar en eidos como o hidróxeno verde, a eólica mariña, a economía circular, as fibras téxtiles a partir da madeira, a nova automoción, a tecnoloxía sanitaria ou a Administración intelixente. Todos eles elementos de transformación sobre os que xa se está a traballar e se traballará nas vindeiras décadas en Galicia.