O Museo Gaiás inaugura este outono unha exposición con preto de 40 obras de arte galega do Museo Nacional Reina Sofía

Santiago de Compostela, 27 de Setembro de 2026

A Xunta de Galicia inaugurará a finais do mes de outubro no Museo Centro Gaiás Ser Noutras, unha exposición que suma unha nova e destacada colaboración á programación da Cidade da Cultura, neste caso a través do préstamo de preto de 40 obras de arte galega pertencentes á colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.

Trátase dunha mostra colectiva, artellada a través de 18 diálogos entre artistas galegos na colección do Reina Sofía e outras creadoras contemporáneas que están a realizar, de xeito específico para este proxecto expositivo, ata 15 obras e instalacións inéditas. Ser Noutras desprega así un relato colectivo, vivo e conectado co propio proceso de creación.

A mostra está comisariada por Verónica Santos Farto e Chus Martínez Domínguez, dous nomes cunha ampla traxectoria no ámbito da historia da arte, o comisariado e a xestión cultural. Poderá visitarse no Museo Centro Gaiás desde finais do próximo mes de outubro ata marzo de 2027.

A colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía atesoura un patrimonio de incalculable valor que abrangue desde finais do século XIX ata a actualidade e onde a arte galega contemporánea conta cun peso destacado. Entre a escolma de obras que poderán contemplarse temporalmente no Museo Centro Gaiás inclúese pezas de figuras históricas como Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón ou Virxilio Viéitez, e tamén de artistas actuais cunha dilatada e recoñecida traxectoria profesional: desde Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Carme Nogueira ou Salvador Cidrás, entre outros moitos.

Por outra banda, as obras de nova creación que se exhibirán de xeito inédito en Ser Noutras —e que abranguen pintura, escultura, instalación, fotografía ou videoarte— están asinadas por unha nova xeración de artistas que despuntan no panorama galego e internacional, e que inclúen nomes como Mar Vicente, Lois Patiño, Mar Ramón Soriano, Jacobo Bugarín, Julia Huete, Kiko Pérez ou Yoseba Muruzábal.

O discurso expositivo a través de diálogos permite xerar conexións interxeracionais e novas lecturas, e reforza o papel do Gaiás como plataforma para a investigación e a creación artística galega, sempre en relación co contexto estatal e internacional.

Ser Noutras reflicte, ademais, a vontade da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude de programar proxectos que poñen o foco na arte galega cun deseño e concepción innovadores que buscan ampliar públicos e relatos ao redor da nosa cultura. A exposición consolida tamén a Cidade da Cultura como polo de atracción e proxección para os e as artistas galegas, e o Museo Gaiás como o espazo idóneo para dar acubillo a toda unha diversidade de obras contemporáneas.