O Museo Gaiás convida con 'Argallar' a xogar coa arquitectura a familias e colexios

Santiago de Compostela, 13 de Setembro de 2019

 A Xunta de Galicia convida a familias e colexios a achegarse a xogar coa arquitectura na nova exposición da Cidade da Cultura, Argallar, que abriu hoxe as súas portas no terceiro andar do Museo Centro Gaiás. Ata o 10 de novembro a cativada que acuda ao Gaiás poderá trebellar, construír e interactuar con figuras e pezas xeométricas, unhas veces, dun xeito pautado e outras, desde unha perspectiva totalmente libre e autónoma por parte dos e das visitantes.

Estas posibilidades infinitas de construción e xogo coa arquitectura que ofrece Argallar foron postas en práctica hoxe polo CEIP Ortigueira de Vedra (A Coruña). O alumnado de quinto e sexto de Educación primaria deste centro foi o encargado de comezar a darlle vida a esta exposición na súa apertura, á que asistiu o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo M. Lorenzo, quen adiantou que, a estas alturas, a mostra xa ten completas o preto de medio cento de quendas dispoñibles de visitas concertadas con colexios, “o que suporá a participación de máis 2.000 rapaces e rapazas só provenientes de escolas”, salientou.

Na súa intervención, tras un percorrido polos diferentes espazos de xogo, Anxo M. Lorenzo puxo en valor esta mostra para achegarlles a cativada e a centros escolares disciplinas como arquitectura e a habitabilidade “dun xeito lúdico e divertido”. Ademais, incidiu en que exposicións deste formato e con esta filosofía son un “xeito efectivo de rachar cos clixés de que os museos son espazos con contidos só para persoas adultas e pouco atractivos para os máis pequenos”.

Na apertura, o director xeral de Políticas Culturais estivo acompañado por Fermín Blanco, presidente e coordinador de Ludantia, asociación artelladora deste mostra itinerante que xa o pasado ano foi protagonista da I Bienal Internacional en Arquitectura para a Infancia e Xuventude de Pontevedra. Tamén estiveron na posta en marcha da exposición representantes de entidades colaboradoras: José Antonio Cerdeira Pérez, director da APLU-Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, e Alberto Fortes, coordinador de actividades de Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que ademais activou unha liña de axudas para costear o transporte en autobús aos colexios ata a Cidade da Cultura.

Precisamente, Argallar é unha exposición pensada, ademais de para un público familiar, para escolares. Por este motivo, a principios deste mes abriuse un período de inscrición para visitas didácticas de balde dirixidas a centros escolares de Educación infantil e primaria, cuxas quendas foron todas cubertas antes da mesma inauguración. No entanto, existe a posibilidade de inscribirse nunha listaxe de espera, no caso de producirse algunha baixa.

Xogar coa arquitectura

Construír mundos posibles e imposibles con multitude de pezas xeométricas ou interactuar na noite coas sombras do corpo son só algunhas poucas das actividades que se artellarán no Museo Centro Gaiás en dúas grandes áreas: O taboleiro de xogo e As Fichas de Xogo: as sete caixas, que compendian unha serie de dispositivos lúdicos para desenvolver a creatividade e a autonomía da rapazada, afastándoa dos estereotipos.

Deste xeito, Argallar incide en estimular o enxeño entre os máis pequenos e tamén o goce do facer e do descubrir por un mesmo, sen obsesionarse coa finalidade ou a meta, xa que o xogo en si mesmo é a cerna da propia exposición.

'Argallar' e 'Galicia, un relato no mundo'

Con esta exposición, a Xunta de Galicia completa a oferta expositiva do Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, tras o peche de Valor e mestría. Galicia como fútbol e Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia, ata a inauguración de Galicia, un relato no mundo, a primeira das tres grandes exposicións da programación do Xacobeo 2021 na Cidade da Cultura e cuxa apertura está prevista para principios de novembro.