O Museo Gaiás comeza a recibir as 300 pezas da gran exposición coa que a Xunta homenaxea o legado da Xeración Nós

Santiago de Compostela, 21 de Setembro de 2020

O Museo Centro Gaiás comezou xa a recibir as primeiras das arredor de 300 obras que comporán a exposición Galicia, de Nós a nós, a máis completa e ambiciosa mostra realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e proxecto central da programación que a Xunta de Galicia desenvolve con motivo do centenario da publicación da revista que lle dou nome –que se conmemora este outono–. Entre as pezas que xa se atopan na Cidade da Cultura para formar parte deste gran proxecto expositivo que se inaugurará o 2 de outubro atópase un dos orixinais que se conservan da Carta Xeométrica de Galicia realizada por Domingo Fontán, que pertenceu a Ramón Otero Pedrayo e se conserva no seu Pazo-museo de Trasalba, en Amoeiro.

A Carta Xeométrica de Galicia é o primeiro mapa físico realizado en España empregando métodos científicos e matemáticos a través dun sistema de triangulación, toda unha xoia da cartografía que o xeógrafo Domingo Fontán rematou en 1833 tras investir na súa realización 17 anos da súa vida. Durante a súa elaboración, percorreu toda Galicia e pé e a cabalo e localizou 4.000 igrexas e todos os accidentes xeográficos importantes, acadando un nivel de detalle e exactitude adiantado ao seu tempo e, nalgúns casos, non superado ata a aparición da fotogrametría aérea, case un século máis tarde.

O rigoroso e dedicado traballo de Domingo Fontán foi un dos referentes culturais e científicos para os homes e mulleres que integraron a Xeración Nós e moi especialmente para un dos considerados “pais” do galeguismo contemporáneo, Ramón Otero Pedrayo. Segundo explica un dos dous comisarios da exposición, Afonso Vázquez-Monxardín, “Otero Pedrayo, que tamén era xeógrafo, viviu namorado deste mapa pertencente ao seu avó, que desde neno puido ver pendurado na súa casa de Trasalba”. A Carta Xeométrica de Galicia acompañouno nas súas viaxes por Galicia –nas que comparaba a antiga rede de camiños plasmada por Fontán coa actual– e ata formou parte da súa novela máis persoal, Arredor de si, na que o mapa preside a escena central da narración.

O mapa tivo que ser trasladado nunhas condicións de protección especiais, dada a súa excepcional envergadura, e exporase no segundo andar do Museo Centro Gaiás do mesmo xeito que pode verse no Pazo de Trasalba, acompañado do banco que permite sentar fronte á peza para enxergar Galicia desde a Punta de Estaca de Bares á Raia Seca.

Obras de medio cento de institucións

Con Galicia, de Nós a nós a Xunta contribúe tamén a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades, especialmente galegas. En conxunto ceden obra para a exposición un total de 51 institucións –catro delas internacionais, dúas do resto de España e as restantes 45 de Galicia– e oito prestadores privados. Ademais da Fundación Otero Pedrayo –propietaria da Carta Xeométrica de Galicia– entre as institucións colaboradoras cóntanse a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial e Arqueolóxico de Ourense, as fundacións Vicente Risco, Castelao, Losada Diéguez e Penzol, as tres universidades galegas, o Parlamento de Galicia, a Deputación de Ourense, a Catedral de Ourense ou a Biblioteca de Galicia, entre outras.

A exposición, comisariada polo investigador e académico da Real Academia Galega (RAG) Afonso Vázquez Monxardín e a profesora e investigadora da Universidade de Vigo Ana Acuña, reunirá tamén obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.

Programación Xacobeo 2021

Galicia de Nós a nós será a segunda gran exposición do Xacobeo 2021 –tras Galicia, un relato no mundo e á que lle seguirá Galicia futura– e inaugurarase o 2 de outubro, despois de que tivese que ser reprogramada a data inicial prevista a primavera polos efectos da crise sanitaria da covid-19. Tralo seu paso pola Cidade da Cultura –onde se poderá visitar ata o 17 de xaneiro de 2021–, poderá verse no Centro Cultural Marcos Valcárcel (Ourense), entre febreiro e abril de 2021, e no Museo de Pontevedra entre maio e xullo de 2021.