O Museo Gaiás abre o 'Galiverso', un espazo que difunde o patrimonio galego a través da realidade virtual

Santiago de Compostela, 20 de Outubro de 2022

A Cidade da Cultura de Galicia acolleu hoxe a apertura de O Galiverso empeza aquí, unha iniciativa tecnolóxica, cultural e educativa da Xunta para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial galego a través do emprego de tecnoloxías inmersivas. O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación deste novo espazo no Museo Centro Gaiás, no que as persoas visitantes poderán vivir 12 experiencias diferentes de realidade virtual que percorren monumentos, espazos naturais e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas.

No acto estiveron presentes tamén o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.

As novas tecnoloxías que emprega o Galiverso permiten amosar o patrimonio dunha maneira diferente á vez que respectuosa coa súa conservación. Mediante uns lentes de realidade virtual e recreacións de imaxe e vídeo de gran detalle, pódese camiñar polos tellados da Catedral de Tui, visitar a cripta do Apóstolo Santiago ou percorrer en globo aerostático o Canón do Sil sen saír do Museo Centro Gaiás.

A accesibilidade é tamén outro dos puntos fortes desta instalación, xa que para gozar das experiencias non é necesario, por exemplo, subir os máis de 230 chanzos ata a lanterna da Torre de Hércules nin desprazarse ata as montañas dos Ancares para entrar nas pallozas que se conservan no Cebreiro. 

O Galiverso é tamén unha porta aberta ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que acollerá o Gaiás, un centro pioneiro en España que permitirá ampliar os modos nos que o público se relaciona co patrimonio e impulsar o desenvolvemento de actividades innovadoras de apoio á creación dixital nas industrias culturais e creativas.

Doce maneiras de vivir o ‘Galiverso’

As persoas que visiten o Museo Centro Gaiás poderán entrar no Galiverso de maneira libre e gratuíta. A sala dispón de tres postos con cadanseu equipo de realidade virtual, que poden operar á vez, aínda que a experiencia de cada visitante será individual. Cada sesión dura uns 20 minutos, durante os cales é posible vivir unha ou varias das doce experiencias que se ofrecen.

Un mapa virtual de Galicia funciona a modo de menú desde o cal se pode acceder a cada unha delas e seleccionar o idioma —galego, castelán ou inglés— dos textos e audios explicativos que as acompañan.

Pódese contemplar o solpor en Fisterra, as vistas da Coruña desde o cumio da Torre de Hércules ou o canón do Sil desde as alturas. Tamén internarse na cripta do Apóstolo en Santiago de Compostela, nos mosteiros de Santa María a Real de Oseira e de Santo Estevo de Ribas de Sil, na torre de Xiá en San Paio de Narla, no templo romano de Santa Baia de Bóveda ou nunha palloza no Cebreiro, e percorrer a ponte romana de Ourense, a muralla de Lugo ou os tellados da Catedral de Tui. 

O Galiverso expandirase no futuro incorporando novas experiencias de realidade virtual vinculadas non só ao patrimonio e ao turismo, senón á ciencia e á experimentación. Así, poderemos somerxernos baixo a auga para explorar os tesouros naturais e históricos das nosas costas, ou ascender ata o espazo para descubrir Galicia desde outra perspectiva. A Xunta ten previsto igualmente crear máis puntos de entrada ao Galiverso en bibliotecas, museos de titularidade autonómica, e nos Polos Creativos dos centros de ensino. 

No Museo Centro Gaiás poderá visitarse de martes a domingo en horario de tarde de 16.00 a 20.00 horas, así como sábados, domingos e festivos (excepto luns), tamén de 11.00 a 14.30 horas.