O II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura prevé 70 accións e mobilizar preto de 30 millóns de euros

Santiago de Compostela, 25 de Novembro de 2021

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que o Consello da Xunta aprobou o II Plan Estratéxico Cidade da Cultura de Galicia (2021-2027) que prevé 70 accións culturais e unha mobilización de preto de 30 millóns de euros.

Outras metas que fixa este plan son duplicar o valor que o Gaiás aporta a Galicia -acadar un retorno de 2,5 € por cada euro investido-; continuar a tendencia positiva nas visitas nun 40% ao final da vixencia do Plan, chegando aos 1,4 millóns de visitantes dentro de seis anos; e duplicar o número de eventos superando os 500 ao ano.

A maiores, segundo explicou o presidente da Xunta, “imos incrementar o papel do Gaiás como creador de contidos”. O obxectivo é que na Cidade da Cultura se produzan contidos para descentralizar a outras cidades como ocorre na actualidade coa itinerancia das exposicións e como comezará a facerse coas artes escénicas.

Logo de incidir en que “imos potenciar o Gaiás como espazo de creación”, Feijóo explicou que se prevé impulsar o programa de residencias artísticas e transformar os espazos para axeitalos á creación.

Ademais, a programación cultural tamén se apoiará na tecnoloxía tanto nas artes dixitais como na implantación de experiencias innovadoras e reforzarase o seu perfil internacional.

O presidente da Xunta fixo fincapé no resultado no anterior plan estratéxico, que permitiu dinamizar un complexo que xera, segundo un estudo da Universidade de Deusto, un retorno anual de 24 millóns de euros; conseguir 6 millóns de visitas; atraer 700 empregos e acoller eventos con institucións como Google ou Netflix.

Feijóo concluíu aseverando que este plan nace para incrementar todo o potencial do Gaiás, “incluíndo o seu atractivo turístico, como zona de esparcemento verde e a conexión co Camiño de Santiago”.