O Galiverso promove o coñecemento científico sobre a eclipse cunha nova experiencia inmersiva no Gaiás

Santiago de Compostela, 31 de Xullo de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou a experiencia de realidade virtual Galiverso explora o ceo no Museo Centro Gaiás. A iniciativa afonda no coñecemento científico ao redor do firmamento nunha exploración espacial dixital, coincidindo coa grande eclipse solar de agosto. O proxecto, ademais, compleméntase cunha viaxe histórica a través da evolución do ensino da astronomía na exposición Explorar o ceo. Aprender astronomía.

López Campos sinalou “a importancia de apostar polas tecnoloxías de realidade inmersiva para pór en valor de maneira accesible o patrimonio material e inmaterial galego”. Ademais, explicou que esta nova edición do Galiverso conta con dúas modalidades. Por unha banda, Explora o ceo achega ao público a algúns dos ceos nocturnos máis puros de Galicia como os que se poden contemplar desde o Observatorio de Pena Trevinca, a casa natal do astrónomo Ramón María Aller Ulloa en Lalín, o Dolmen de Axeitos en Ribeira ou gozar do mar de ardora na praia de Louro, en Muros.

Pola outra, Experimenta a eclipse é unha proposta interactiva, desenvolvida xunto co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC, onde as persoas usuarias poderán manipular o sistema Sol-Terra-Lúa para entender os movementos astronómicos. A proposta inclúe, ademais, unha simulación do trío de eclipses que se poderá ver desde diferentes localizacións emblemáticas como Fisterra, a Torre de Hércules ou a propia Cidade da Cultura. Esta experiencia dixital e didáctica é o froito dunha colaboración entre a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e a consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Así, no acto de apertura, López Campos estivo acompañado do secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Manuel Vila López; da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández Novoa; do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; do director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, Carlos Salgado; da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; así como da directora do Galiverso, Fátima García Doval.

Exposición didáctica complementaria

Durante a inauguración, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude salientou que a iniciativa “serve de preparación para a grande eclipse solar de agosto e para afondar no coñecemento sobre a mecánica celeste xa que, ademais da experiencia virtual, conta cunha exposición didáctica complementaria”, en referencia á mostra Explorar o ceo. Aprender astronomía.

Esta exposición está organizada en colaboración co Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) e recolle unha quincena de pezas excepcionais. Nela pódense ver desde planetarios móbiles ata esferas armilares de finais do século XIX, pasando polo Astronógrafo Navalón de 1884, un trebello único inventado en Santiago de Compostela para ensinar astronomía a persoas cegas a través do tacto. Tamén se expón unha edición temperá (1566) de De revolutionibus orbium coelestium, de Nicolás Copérnico, unha das obras máis relevantes da historia da ciencia que forma parte do patrimonio histórico educativo de Galicia.

Realidade inmersiva para descubrir Galicia

Galiverso explora o ceo é a sétima experiencia incluída dentro do Galiverso. Desde o seu comezo, este proxecto explorou o patrimonio somerxido baixo as nosas augas; a antiga vila de Portomarín; 11 museos das catro provincias galegas; as entrañas das nosas terras con lugares como a cova de Eirós e a cova do Rei Cintolo; ou, incluso, a casa do Apalpador. Agora, nesta nova edición, as persoas participantes poderán indagar nos segredos dos nosos ceos. A entrada é de balde, con previa reserva en Ataquilla.com.