O Gaiás lembrará a etapa de Castelao no exilio cun concerto da Filharmonía de Galicia e un encontro con persoas refuxiadas

Santiago de Compostela, 28 de Decembro de 2018

A Cidade da Cultura de Galicia continúa a despregar actividades ao redor de Castelao maxistral, a exposición que permite contemplar por vez primeira en Galicia a ‘A derradeira leición do mestre’, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Este programa arrancará en 2019 cunha xornada dedicada ao exilio xa que foi nesta circunstancia cando o artista de Rianxo pintou o óleo que artella o relato da mostra. Deste xeito, o 17 de xaneiro, o Museo Centro Gaiás acollerá un concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG) —cun repertorio centrado nos países que percorreu o intelectual galeguista— e un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional.

Este recital da RFG leva por título Os camiños de Castelao e baséase nunha unha escolma de temas representativos dos diferentes países que marcaron a vida de Castelao, realizada ‘ex profeso’ polo director titular e artístico da formación, Paul Daniel. Deste xeito, e a través do repertorio escollido, os e as asistentes farán no Museo Gaiás un percorrido vital do periplo do artista galego desde Rusia, Cuba, os Estados Unidos de América e ata o exilio definitivo en Buenos Aires, a través de pezas de E. W. Korngold, Stravinsky ou Piazzolla, entre outros compositores.

Esta actuación especial —para a que xa están as entradas á venda en Ataquilla.com e no Museo Centro Gaiás— inxírese dentro do programa de actividades coas que se está a dinamizar a exposición Castelao maxistral. A boa  obra ao mestre honra, que desde a súa inauguración, o pasado 5 de outubro, xa celebrou visitas-relatorio con especialistas na súa obra e figura —con todas as prazas cubertas— e un recital coa Coral Polifónica de Pontevedra, da que Castelao foi cantor, fundador (1925) e escenógrafo, traendo para a ocasión un pano ornamentando polo propio artista, que contadas ocasións sae do Museo de Pontevedra que o custodia.

Pór o foco no exilio para as actividades de xaneiro ten un vencello especial coa mostra, xa que A derradeira leición do mestre, homenaxe do artista de Rianxo ao seu amigo e intelectual asasinado, Alexandre Bóveda, foi pintado nestas circunstancias en Buenos Aires en 1945. Castelao asentouse na capital da Arxentina, tras un periplo por diferentes países que son os que determinan o programa do concerto escollido persoalmente polo propio Paul Daniel.

Así, en 1938, o intelectual galego realizou unha viaxe á extinguida URSS e, máis tarde, aos Estados Unidos de América e tamén a Cuba. Durante a súa presenza na illa caribeña, Castelao participou activamente nas eleccións do Centro Galego da Habana. A derrota republicana condenouno ao exilio, asentándose en Nova York, primeiro, onde publicou o álbum Milicianos e, posterior e definitivamente, en Buenos Aires (A Arxentina), onde chegou a estrear a súa peza teatral Os vellos non deben namorase.

Encontro con persoas refuxiadas e exiliadas
Precisamente, e tendo en conta o moito que marcou esta saída forzosa de Castelao de Galicia, antes do concerto e encadrado dentro destas actividades vencelladas á exposición, producirase un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas na nosa comunidade, grazas á colaboración de Amnistía Internacional.

Este encontro pretende reflectir como na actualidade —fóra das nosas fronteiras pero en múltiples zonas a nivel global—  moitas persoas vense obrigadas ao exilio —tal e como viviu Castelao— pola dureza da complicada situación xeopolítica dos seus países de orixe, vítimas de conflitos bélicos e políticos, especialmente visibles a través do número de persoas refuxiadas e/ou represaliadas.

Para darlle visibilidade a esta situación, a Cidade da Cultura incorpora este encontro nas súas actividades ao redor da exposición Castelao maxistral. A boa obra ao mestre co obxecto de sensibilizar a sociedade galega sobre as crúas experiencias nestes países, á vez que procurar eses paralelismos co contexto sociopolítico de Castelao, mais sobre todo trátase de escoitar e empatizar coas inquedanzas e necesidades destas persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia.

O encontro será moderado polo responsable de Relacións Institucionais de Amnistía Internacional en Vigo, Manuel Martínez Barreiro, e formarán parte da mesa: Juan Sosa Madonado, persoa exiliada proveniente de Oaxaca (México) e Nour Al Hussen, persoa refuxiada proveniente de Siria.

A asistencia ao encontro é de balde e está activa a inscrición na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia —www.cidadedacultura.gal— xa que as prazas son limitadas.