O Gaiás analiza o fútbol como ferramenta de inclusión social dentro da actividades da exposición 'Valor e mestría'

Santiago de Compostela, 10 de Abril de 2019

A Cidade da Cultura de Galicia puxo hoxe o foco no importante valor do fútbol como ferramenta de inclusión social e superación persoal na mesa redonda organizada esta tarde, dentro da variada programación de actividades ao redor da exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol, que acolle ata o 1 de setembro o Museo Centro Gaiás.

Moderada por Juan Luis Cudeiro, xornalista deportivo de El País, abordouse este tipo de experiencias en equipos inclusivos co coordinador do proxecto de integración do Club Deportivo Lugo, Julián Castaño; coa directora da área social da Fundación Real Club Deportivo, Gelines Romero; e, con Alexandre Abalde, técnico da Fundación Celta Integra, equipo que lidera, neste intre, La Liga Genuine Santander, onde xogan estas tres formacións galegas. Entre todos completaron os relatos e as historias de superación que se viven nesta competición pioneira no mundo, organizada por La Liga Santander, e que está integrada por equipos con xogadores con discapacidade intelectual.

Con esta actividade a Cidade da Cultura procurou enxalzar as compoñentes afectivas, psicolóxicas, de superación e integración dun deporte que vai máis aló dunha actividade  física ou competitiva. Neste senso, as  persoas con discapacidade que xogan nestes equipos apóianse na práctica deste deporte polos efectos beneficiosos que supón, en canto  a superación de barreiras e mellora da autoestima, á vez que é un importante instrumento de inclusión social.

Homenaxe a clubs pioneiros en Galicia


Esta xornada dálle continuidade ao programa de actividades que se puxo en marcha para dinamizar e arroupar Valor e mestría, a exposición máis ambiciosa sobre os 143 anos de historia do fútbol galego. Abriuse ao público o pasado 15 de abril, está organizada pola Xunta de Galicia coa Fundación Cidade da Cultura e conta coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, La Liga Santander e a Secretaría Xeral de Igualdade.

Precisamente, o vindeiro 25 de abril o Museo Centro Gaiás acollerá unha homenaxe a clubs pioneiros galegos. Para participar nesta mesa redonda só será necesario inscribirse na páxina web da Cidade da Cultura de Galicia (www. cidadedacultura.gal), na que nos vindeiros días se activarán as reservas, xa que é de balde pero con prazas limitadas.

A seguinte acción deste programa de actividades ao redor de Valor e mestría será durante o mes de maio cuns encontros de escolares de fútbol base con futbolistas da elite. Trátase de xuntar alumnado de centros educativos cun futbolista profesional en horario escolar. O formato será de 3 futbolistas diferentes en 3 días. Contarase para esta actividade coa participación dunha ou dun xornalista deportivo que centrará a conversa no deporte ao longo da vida desde as categorías inferiores, desafíos no deportista adolescente, e as adaptacións ás novas culturas, ás novas realidades e cidades que viven no seu periplo como xogadores.

En agosto, organizaranse na Cidade da Cultura encontros con seareiros e seareiras — provenientes de peñas de equipos galegos— con ex futbolistas profesionais e que son referentes históricos para estas asociacións de afeccionados. Deste xeito, celebraranse na exposición visitas temáticas facendo fincapé na historia de cada equipo e nos obxectos presentes en Valor e mestría relacionadas cos mesmos.

Revivir partidos épicos cos seus protagonistas


Na Cidade da Cultura de Galicia tamén se revivirán fazañas e épicas futbolísticas gloriosas de clubs ao retransmitir partidos históricos como a final da Copa do Rei entre o Dépor-Valencia de 1995 ou Celta-Benfica de 1999, comentados por parte dos seus protagonistas.

Trátase de ver o partido íntegro, para que as e os afeccionados poidan revivilo, pero co gran valor engadido que suporá que os comentarios que se escoitarán mentres se ven as imaxes serán dalgúns dos xogadores que viviron ese momento tan importante para a historia do seu club.

O programa de actividades completarase con xornadas de xornalismo deportivo, nas que se intentará contar cos máximos referentes en comunicación de deportiva; con visitas á exposición Valor e mestría por parte da primeira plantilla dos clubs de fútbol galego; xunto a outras accións que están a ser xestionadas e pechadas neste momento.