O Gaiás amplía o servizo de restauración cun restaurante no Museo e cunha terraza no Bosque de Galicia

Santiago de Compostela, 24 de Maio de 2019

A Fundación Cidade da Cultura vén de convocar o concurso para adxudicar a explotación do servizo de restauración do complexo do Gaiás, que suma aos espazos actualmente en funcionamento (A Cantina do Gaiás e a cafetería O Roupeiro –no edificio CINC-) un novo restaurante-cafetería no Museo e unha terraza no Bosque de Galicia.

A ampliación obedece á necesidade de atender o incremento de traballadores na Cidade da Cultura, máis de 600 persoas, así como a afluencia de visitantes, participantes nas actividades e eventos e usuarios dos servizos públicos localizados no Gaiás.

As empresas interesadas deberán presentar unha proposta técnica e gastronómica que dea resposta aos diferentes perfís de persoas presentes na Cidade da Cultura, desde turistas interesados na gastronomia galega até os traballadores que acoden cada día ao seu posto.

Ademais da observación das normativas e do cumprimento dos estándares de profesionalidade, o concurso subliña a importancia de atender a criterios de alimentación saudable, a base de produtos de proximidade, e de promoción da gastronomía de Galicia. Do mesmo xeito, fixa límites nos prezos para ofrecer opcións gastronómicas accesibles, acorde coa natureza dunha institución concibida para o uso do conxunto da cidadanía.

Os interesados en presentarse deberán participar obrigatoriamente nunha visita ás instalacións que terá lugar o mércores 5 de xuño de 2019 ás 10 horas. A non asistencia a esta visita será considerada causa de exclusión do concurso. Para acudir, abonda con enviar un correo electrónico ao enderezo oficina.tecnica.cidade.cultura.galicia@xunta.gal antes das 23:59 horas do 4 de xuño de 2019.

O concurso ten unha duración de tres anos, cunha posibilidade de prórroga de catro máis, até un total de sete. A empresa adxudicataria deberá abonar á Fundación Cidade da Cultura un canon fixo anual por importe de 15.000 euros, durante os tres primeiros anos. Os pregos poden descargarse xa na web www.contratosdegalicia.gal