O Gaiás acollerá o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas para abrir novas oportunidades de negocio con Arxentina e Portugal

Santiago de Compostela, 18 de Setembro de 2013

O Gaiás acollerá o primeiro Mercado das Industrias Culturais Atlánticas (MICAtlántica) do 23 ao 26 de novembro co obxectivo de desenvolver circuítos de produtos e servizos culturais entre empresarios de Arxentina, España e Portugal a través de Galicia.

MICAtlántica nace da colaboración entre institucións arxentinas e galegas que veñen de materializar o resultado de negociacións bilaterais levadas a cabo nos dous últimos anos. Por parte de Galicia, organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Fundación Cidade da Cultura; en tanto que por parte arxentina concorre a Secretaría de Cultura da Presidencia da Nación, a través da Dirección Nacional de Industrias Culturais.

O conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez Abad, presentou esta importante iniciativa nun acto no que tamén participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño. Contouse ademais coa intervención en vídeo de Rodolfo Hamawi, director nacional de Industrias Culturales de la Nación Argentina.

O titular de Cultura e Educación explicou as claves e a transcendencia de MICAtlántica como primeiro paso cara ao afianzamento dunha colaboración estable co eido cultural iberoamericano e á xeración de negocio e intercambio comercial entre Europa e América con Galicia como porta de entrada.

Neste sentido, aludiu aos tradicionais e históricos vínculos con Arxentina e na ocasión que brinda MICAtlántica para estreitar eses lazos e transformalos nunha plataforma de desenvolvemento do sector cultural. “En MICAtlántica –expresou- teremos a oportunidade de consolidar un futuro conxunto no sector cultural e creativo ao mesmo tempo que potenciamos as nosas identidades”.

Arxentina, interlocutor idóneo

Subliñou así mesmo que Arxentina é precisamente o país que pode xogar o papel de interlocutor idóneo nese proceso “pola súa potente industria cultural, pola súa vocación de intercambio e polas súas iniciativas de crecemento e internacionalización cara o mercado europeo”, o que o converte “no punto de conexión ideal para darlle forma definitiva a esa colaboración”, engadiu.

O conselleiro incidiu en que MICAtlántica, evento ao que se referiu como “unhas das iniciativas máis ambiciosas de cantas temos desenvolvido”, non se cinguirá ao intercambio cultural, senón que contará cun amplo programa de actividades expresamente deseñadas e programadas ao longo de catro intensos días para favorecer tanto a exhibición artística como a exposición de ideas e de proxectos. “MICAtlántica contará –dixo- con espazos para o debate, presentación de propostas artísticas e espectáculos”. Tamén fixo fincapé no apartado de fomento de negocio, xa que todos os empresarios e profesionais galegos asistentes poderán realizar numerosos contactos comerciais con representantes do sector do resto de España, de Arxentina e de Portugal.

Apuntou ademais que, mediante a celebración do MICAtlántica, Galicia e as súas industrias culturais “teñen a posibilidade de entrar con pleno dereito e como un territorio máis no mercado iberoamericano a través do circuíto MICSUR”, o mercado de industrias culturais específico para os países integrados en Mercosur que está proxectado para marzo de 2014.

Estrutura e contidos

MICAtlántica desenvolverase no Gaiás coa presenza de empresas, institucións, produtores, artistas e pemes de todos os ámbitos artísticos arredor de seis grandes bloques de contidos: artes escénicas, audiovisual, deseño-artesanía, editorial, música e videoxogos. Na zona de mercado, os axentes acreditados poderán abrir novas vías de intercambio comercial mediante unha axenda de reunións específicas preparada previamente polos organizadores para que sexa o máis práctica e operativa posible, ao tempo que se desenvolverán debates, conferencias e presentacións artísticas en vivo.

O programa completarase cunha serie de espectáculos arxentinos e galegos que terán lugar nun calendario de actuacións aberto ao público xeral e que se estenderá ata o 30 de novembro.

Cada unha das actividades inserirase dentro dunha das cinco categorías nas que se estruturará o evento, agrupadas baixo os epígrafes Lab (un espazo de reunións con citas determinadas), Expo (con obradoiros, presentacións e charlas sectoriais), Forum (con debates e conferencias de profesionais sobre asuntos de actualidade), Cine (cun ciclo de cine arxentino e proxección de coproducións galego-arxentinas); e Show (onde terán cabida as actuacións musicais, obras teatrais e un desfile de moda que combinará artesanía, danza e música).

MICAtlántica supón a primeira edición fóra de Arxentina do MICA, o Mercado de Industrias Culturais Arxentinas deseñado polo Goberno de la Nación, proxecto que se está a converter, desde a súa creación en 2011, nun modelo de éxito canto á difusión e cooperación entre as industrias culturais de distintos países.

Toda a información adicional sobre o MICAtlántica está xa dispoñible no enderezo www.micatlantica.org, páxina web a través da que todas as empresas e axentes interesados poden formalizar as súas inscricións en liña.