A Xunta de Galicia e Escuela de Escritores veñen de asinar un convenio de colaboración para impartir na Cidade da Cultura o prestixioso programa formativo Ler, Escribir, Crear: Curso Completo de Narrativa. Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude supón un importante impulso para a creación literaria na comunidade, ofrecendo unha formación de alto nivel inspirada nos máis de quince anos de experiencia do primeiro Máster de Narrativa creado en España para formar escritores.
O curso desenvolverase nas instalacións do Gaiás a partir do próximo mes de outubro, aínda que o prazo de matrícula xa se atopa aberto para todas as persoas interesadas na web de Escuela de Escritores. Ademais, no marco das sinerxías institucionais que promove o acordo, concederase unha bolsa a unha das persoas participantes na Residencia Literaria da Cidade da Cultura co fin de que poida participar de maneira gratuíta no Curso de Narrativa, unindo así dous dos grandes proxectos de apoio ao talento literario que acolle o complexo cultural.
Formación práctica cun prestixioso claustro de autores
O programa presencial estrutúrase en sesións semanais nas que o alumnado abordará desde as técnicas básicas de narrativa ata a especialización no relato breve e a novela, co obxectivo final de que estean en condicións de iniciar a escritura do seu propio libro.
Para iso, o curso contará cun experimentado cadro de profesorado galego de recoñecida traxectoria no eido literario: as clases de análise textual serán impartidas pola escritora, ensaísta e crítica literaria Inma López Silva xunto á poeta, ensaísta e investigadora María do Cebreiro, Premio Nacional da Crítica ao mellor poemario en lingua galega por O deserto.
Pola súa banda, as sesións de técnicas narrativas correrán a cargo de Ismael Ramos —poeta e escritor galardoado co Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández por Lixeiro—, e dous referentes da novela negra, Arantza Portabales e Diego Ameixeiras, Premio Nacional da Crítica en galego por O cervo e a sombra.
Clases maxistrais con autores de actualidade
Como complemento ás clases regulares, o curso ofrecerá sesións maxistrais con escritores de gran relevancia no panorama literario actual. Cristina Sánchez-Andrade, finalista do Premio Herralde de Novela e gañadora do Premio Setenil, entre outros recoñecementos, será a encargada de impartir a conferencia inaugural na Cidade da Cultura o próximo mes de outubro.
Tamén están confirmadas as clases maxistrais de autores de referencia como Pedro Feijoo (Premio Xerais de Novela 2023), Lucía Solla (galardoada cos premios Cálamo e El Ojo Crítico en 2025 e participante na III Residencia Literaria da Cidade da Cultura) e Javier Sagarna, director de Escuela de Escritores e membro da xunta directiva da Asociación Europea de Programas de Escritura Creativa.
Con este acordo, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude amplía a súa rede de alianzas estratéxicas para impulsar a creación, ao tempo que consolida o Gaiás como un espazo vivo para o encontro cultural, a formación especializada e o impulso de novas voces no tecido literario galego.





