O Gaiás acolle o IV Festival de Bandas Infantís e Xuvenís con case 600 rapaces e rapazas de 12 agrupacións

Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 01 de Xullo de 2023

A Cidade da Cultura de Galicia acolle ao longo de toda a xornada de hoxe a VI edición do Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia, no que preto de 600 músicos novos, de 12 formacións, interpretan os repertorios elixidos para a ocasión. Entre elas inclúese a Banda Sinfónica Xuvenil Galega, formada por medio cento de intérpretes, todos menores de 20 anos, pertencentes a diferentes bandas e conservatorios da Comunidade.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidade, Román Rodríguez, dou a benvida aos rapaces e rapazas participantes no encontro e remarcou o compromiso do Goberno galego “cun certame que enriquece a formación das xeracións máis novas e promove a educación na diversidade a través da música como linguaxe universal”.

O titular de Cultura da Xunta de Galicia estivo acompañado pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e de Iván Estévez, presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares, entidade a quen agradeceu “a organización dun festival que, ademais de mellorar a visibilidade destas agrupacións, amosa o seu traballo ao gran público e permite a rapazada de toda Galicia gozar dunha xornada festiva e de convivencia co seu amor pola música como nexo común”.

O festival, que se desenvolve no Gaiás ao longo de todo o día e con entrada libre e de balde, arrancou cunha interpretación do Himno Galego no Xardín do Teatro e rematará cun concerto da Banda Sinfónica Xuvenil Galega, que integran mozos e mozas de diferentes agrupacións de Galicia baixo a dirección de Tiago Correia.

As formacións que participan este ano son: a Banda da Escola de Música de Xinzo (Ponteareas), a Banda Xuvenil de Vilatuxe (Lalín), a Banda da escola de Música de Vilaboa, a Banda-Escola de Música de Barro, a Banda Infantil Unión Musical de Meaño, a Banda Xuvenil da Escola de Música de Salvaterra, a Banda Escola da Unión Musical de Tenorio, a Banda Infantil Sementeira de Narón, a Minibanda de Vilalba, a Banda de Música de Santádega (Coles) e a Chiquiband – Agrupación Musical da Limia.

O Festival de Bandas Infantís e Xuvenís de Galicia está organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Populares (FGBMP) e conta co apoio da Xunta de Galicia —a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Fundación Cidade da Cultura— e da Deputación da Coruña.

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes