O EAN11 abre nova convocatoria para apoiar a 40 creadores emerxentes

Santiago de Compostela, 06 de Maio de 2021

A Xunta acaba de convocar unha nova edición do Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura – EAN que, co obxectivo de apoiar a arte emerxente e promover a creación contemporánea, ofrece aos novos creadores a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás, durante a que compartir experiencias e procesos creativos. Un total de 40 artistas emerxentes serán seleccionados para presentar os seus proxectos neste espazo aberto ao diálogo e intercambio de ideas, no que poderán tamén aprender de consolidados creadores do panorama nacional e internacional que participan no EAN como relatores. Ademais, poderán optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk, convertidas en espazo expositivo non convencional, co Camiño de Santiago como eixo.

Enmarcado na programación do Xacobeo 21-22, o Encontro de Artistas Novos está impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universade a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. Dirixido novamente por Rafael Doctor, o encontro chega este ano á súa undécima edición consolidándose como unha das citas imprescindibles da creación contemporánea, onde teñen presentado os seus traballos máis de 600 creadores e creadoras.

Os 40 participantes que acaden unha praza terán a oportunidade de entrar en contacto e compartir coñecementos con creadores emerxentes de diferentes disciplinas, pero tamén con destacados nomes da arte contemporánea dos últimos anos, como o artista multidisciplinar Abel Azcona (Madrid, 1988). A súa obra –que nace desde a performance e a arte de acción para evolucionar en instalación, escultura, vídeo, pintura ou escritura– materialízase en proxectos de contido reivindicativo e político nos que converte o seu propio corpo e presenza en territorio para a experimentación e detonante do proceso creativo. Considerado altamente autobiográfico e transgresor, o traballo de Azcona explora temas como os dereitos humanos, a inxustiza social, o xénero, a diversidade, a desigualdade ou a relixión, afondando en experiencias de abandono, violencia, abuso ou enfermidade mental.

A súa obra foi exhibida en museos e galerías de todo o mundo, entre os que destacan o Arsenal de Venecia, o Leslie Lohman Museum de Nova York, o Palais de Tokyo de París, o Palacio Nacional de Belas Artes de Bangladesh ou o Museo de Arte Contemporáneo de Bogotá, que lle dedicou unha retrospectiva cunha ampla selección da súa obra en 2014.

Relatores de consolidada traxectoria

Ademais de Azcona, o EAN11 contará entre os seus relatores coa artista visual Marina Vargas (Granada, 1980) –encargada da conferencia inaugural do encontro– quen coa súa obra busca re-significar a iconografía da arte e da cultura visual, nunha chamada de atención sobre o poder das imaxes e sobre os patróns e canons dominantes na historia da Arte, propoñendo novas lecturas dos mesmos baixo unha óptica feminista. As referencias autobiográficas son un dos puntos de partida para desenvolver un discurso nada convencional, no que están presentes cuestións referidas á nosa propia herdanza cultural. Expuxo a súa obra en países como España, Italia, México, EE.UU. ou a Arxentina.

Esta edición incluirá tamén unha conferencia da artista visual Eva Díez (Vigo, 1982), cuxo traballo podería cualificarse de fotopoético pola clara intencionalidade lírica que desprenden as súas obras, nas que xoga coa simboloxía para abrir unha reflexión sobre a imaxe inmemorial do fogar como metáfora plástica do noso inconsciente. Eva Díez exhibiu en museos, feiras e galerías de arte contemporánea de España, Francia, Portugal ou Brasil e recibiu recoñecementos como o Premio de Fotografía Joven Fundación ENAIRE de 2020, o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea 2015, ou o Premio Art Photo Bcn 2015.

Completa a selección de relatores desta edición Eugenio Merino (Madrid, 1975), autor de controvertidas obras como Aquí murió Picasso ou Always Franco, coas que aborda cuestións políticas, relixiosas e sociais coa ironía, o humor e a metáfora como ferramentas e traballando un abano de linguaxes desde o debuxo ou o audiovisual á escultura en materiais como bronce, silicona ou resina. Merino conta con importantes exposicións individuais como Home Sweet Home en ADN Galería (Barcelona, 2017), Here Died Warhol (Nova York, EEUU, 2018) ou Sons of Capital en Unix Gallery (Nueva York, EEUU, 2016).

Abel Azcona, Marina Vargas, Eugenio Merino e Eva Díez súmanse así á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, con nomes como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Ramón Balsa, Daniel Canogar, Chelo Matesanz ou Oliver Laxe.

Do 22 ao 26 de agosto

O programa –a desenvolver entre o 22 e o 26 de agosto– incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións. Recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño, Jesús Madriñán, ou Nuria Güell estiveron entre os participantes seleccionados nalgunha edición do Encontro cando comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria de directora artística de JustMAD e JustLX, Semíramis González; e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o mundo curatorial ou xornalístico.

Intervención artística arredor do Camiño

O programa complétase coa opción de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk do complexo, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. Ao igual que a anterior edición, o Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk terá como eixe os camiños xacobeos, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago, aproveitando que a Vía da Prata discorre no seu último tramo paralela ao Monte Gaiás e tamén a propia conexión visual entre as torres Hejduk e as torres da catedral compostelá.

Solicitudes ata o 2 de xullo

As e os artistas emerxentes interesados en seren seleccionados para participar no #EAN11 deberán enviar a súa solicitude antes das 15,00 horas do 2 de xullo xunto á documentación requirida ao enderezo electrónico encontro@cidadedacultura.org. As bases completas poden consultarse en www.cidadedacultura.gal.

 
Marina Vargas
Abel Azcona
Eva Díez
Eugenio Merino