O Centro de Proceso de Datos Integral da Xunta terá capacidade para almacenar máis de 593.000 millóns de páxinas

Santiago de Compostela, 29 de Febreiro de 2012

O acondicionamento do Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) entra na recta final co obxectivo de comezar a integrar todas as plataformas tecnolóxicas da Administración autonómica este verán. Así o explicou esta mañá a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, durante a visita ás instalacións do CPDI, na Cidade da Cultura, nas que estivo acompañada pola xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.A responsable de Modernización explicou que “o Centro de Proceso de Datos é unha plataforma tecnolóxica de altas prestacións para impulsar a innovación tecnolóxica en todos os ámbitos da administración, e polo tanto, nos servizos públicos galegos”. Sinalou que é unha infraestrutura clave para conseguir unha administración eficiente e que consiga prestar mellores servizos optimizando custos. Ademais, indicou que permitirá ao sector público desenvolver proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o sector TIC da Comunidade.

A secretaria xeral sinalou que nesta fase de execución do proxecto comezaranse a realizar as probas de funcionamento das instalacións, un proceso fundamental para garantir a futura prestación dos servizos dixitais desde o CPDI. Neste sentido, Mar Pereira, explicou que o Centro ten que cumprir uns requirimentos técnicos moi rigorosos acordes coa complexidade técnica do proxecto e que garantan a seguridade e a dispoñibilidade dos servizos aos cidadáns durante o proceso de traslado de preto dos 2.000 servidores e case 3.000 aplicacións que se centralizarán no CPDI.

Integración de funcións

O corazón dixital de Galicia comezará a integrar este verán funcións dos 80 CPDs, dos cales o 90 por cento carecen de capacidade de crecemento e están afectados por problemas de refrixeración, de dispoñibilidade e de consumos excesivos de enerxía eléctrica, que dificultan unha xestión eficiente. Este proceso consolidarase nun período de dous anos.

Aforro

A posta en marcha do CPDI non só revertirá esta situación, garantindo o obxectivo dunha Administración aberta as 24 horas os 365 días do ano, senón que acadará importantes aforros. A unificación de todos os servizos nunha mesma infraestrutura tecnolóxica permitirá unha redución dun 50% do custo enerxético por metro cadrado e dun 27% do gasto anual da factura eléctrica dos CPD actuais. Tamén reducirá un 30% o investimento en hardware e outro 30% no mantemento do mesmo. Todo isto sumado á reorganización dos espazos liberados nos edificios administrativos da Xunta posibilitará un aforro anual de 3 millóns de euros. Así, unha vez consolidada a infraestrutura, amortizarase os seu custo en menos de dous anos.

Capacidade de almacenamento e servizo

O CPDI custodiará todo o arquivo dixital de Galicia, é dicir, toda a documentación que xera a Administración autonómica: procedementos xudiciais, contidos educativos, expedientes administrativos, DOG dixital, historias clínicas, receitas electrónicas … Para xestionar toda esta información e garantir á seguridade e a dispoñibilidade dos servizos o Centro conta cunha capacidade inicial de almacenamento de 1,9 petabytes, o equivalente a máis de 593.000 millóns de páxinas.

O Centro de Proceso de Datos dará servizo a todas as consellerías e organismos dependentes da Xunta de Galicia e a outras entidades públicas como as deputacións provinciais, os concellos e as universidades. En cifras, tradúcese na prestación de servizo a 1.260 centros administrativos, 1.400 centros educativos, 600 centros asistenciais e sanitarios, a 322 entidades xudiciais, 1.500 oficinas de farmacia, e a a máis de 90.000 empregados públicos.

Distribución do espazo

A superficie construída do Centro, situado no soto do Edificio de Servizos Centrais, é de 1.600 metros cadrados construídos, nos que se ubican as salas de servidores, comunicaciones, hosting, ademais das salas técnicas de cadros eléctricos e sistemas de alimentación ininterrompida, de operación do CPD, de montaxe de equipos, de copias de respaldo, almacén, a sala de operadores externos de telecomuncacións, a área de refrixeración e subministro de emerxencia (grupo electróxeno) e a sala dos centros de transformación.

As oficinas do Edificio de Servizos Centrais serán a sede da futura Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega). Neste edificio, en fase de acondicionamento, traballarán 150 tecnólogos, que se trasladarán tamén no verán.

Equipamento e Seguridade

Para garantir a seguridade do CPDI e a dispoñibilidade de servizo o centro está dotado con varios sistemas que aseguran a continuidade do subministro eléctrico en caso de avaría. Por iso conta con dúas subestacións eléctricas independentes, con sistemas de alimentación ininterrompida que permiten manter o subministro no caso de que este falle, e un grupo electróxeno cunha autonomía de 24 horas que se pode prolongar o tempo necesario enchendo o depósito de combustible cada 24 horas.

Outro aspecto chave para o correcto funcionamento do CPDI é a refrixeración. Para manter os servidores e equipos de almacenamento a unha temperatura adecuada o centro conta cun sistema de climatización que se encargan de arrefriar a sala de servidores, e outros equipos alternativos que, en caso de fallo deste sistema, entran en funcionamento de xeito automático para manter nas mesmas condicións de temperatura.

A nivel de telecomunicacións, o Centro tamén está completamente preparado para ter conectividade incluso no caso de caídas de varias liñas, cun dobre circuito e canalizacións e mesmo varios operadores de telecomunicacións dando servizo.

Como medidas de protección adicionais todo o equipamento está monitorizado para control preventivo e xestión de toda a instalación e mellora da eficiencia enerxética. Todas as salas teñen sistemas de detección e extinción de incendios, e unha estrutura construída con materiais resistentes ao lume e á auga, ademais dun control por videocámaras e un sistema acceso restrinxido só para persoal autorizado.