O Centro de Emprendemento Creativo permanecerá pechado ata o xoves pola desmontaxe da exposición de Granell

Santiago de Compostela, 18 de Xaneiro de 2013

O Centro de Emprendemento Creativo da Cidade da Cultura de Galicia permanecerá pechado ata o xoves desta semana pola desmontaxe da exposición O Encontro na poética de Eugenio Granell. A finalización desta mostra, coa que se conmemorou o centenario do xenio surrealista, obriga a pechar o edificio –antigo Arquivo de Galicia- ao público para facilitar a desmontaxe dos tres pavillóns que acollían as pezas procedentes da Fundación Granell.

A Cidade da Cultura de Galicia lamenta as posibles molestias que este peche temporal lle poida ocasionar aos visitantes que durante estes tres días se achegue ao Gaiás para coñecer as instalación. O Centro de Emprendemento Creativo de Galicia volverá abrir as súas portas o xoves, 6 de decembro, no seu horario habitual: de 10 a 14:00 horas e de 16 a 20 horas.

A mostra O Encontro na poética de Eugenio Granell clausurouse este domingo 2 de decembro, dando por finalizada a celebración do centenario Granell organizado pola súa Fundación e no que participaron activamente todas as institucións culturais de Santiago de Compostela, incluída a Cidade da Cultura. Xunto coa clausura da mostra, o Centro de Innovación Cultural do Gaiás acolleu o concerto Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada, onde se mostrou por primeira vez ao público a faceta máis descoñecida do artista: a de músico.

A mostra

A vida de Eugenio Granell estivo marcada por diferentes e importantes encontros persoais. Entre eles, a unha temprana idade, o encontro coa autobiografía de Trotsky, A miña vida; o encontro con Benjamín Peret na España da Guerra Civil española; o encontro con Amparo, quen sería a súa esposa, no tren que os levaba de Perpignan a Burdeos e ao exilio; o encontro con André Breton na República Dominicana en 1941 e finalmente o encontro con Marcel Duchamp en Nova York a principios dos 50.

Partindo deste concepto, O encontro na poética de Eugenio Granell preséntase como un xogo co espectador que, nun percorrido pensado no exercicio da observación e a reflexión, vaise atopando con diferentes elementos, obras significativas, obxectos, construcións… que foron por un lado o resultado dun encontro e, polo outro, o detonador dun acto creativo.

Como se de unha traxectoria vital se tratase, cada un dos cinco espazos interdependentes polos que transcorre este "itinerario" danos a clave de como os acontecementos que rodearon a Granell ao longo da súa vida transformaron a súa visión do mundo e fomentaron producións diferentes, dependendo do momento e do contexto. Unha mostra na que o público descobre a construción técnica e intelectual do discurso plástico a partir dun acto tan humano e cotián como o encontro.