'Noitear' estréase o 15 de xullo no Gaiás con tres espectáculos ao aire libre nunha soa noite que unen danza, teatro e artes vivas

Santiago de Compostela, 23 de Xuño de 2026

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude lanza este 15 de xullo Noitear na Cidade da Cultura, unha nova proposta para vivir as artes escénicas con tres espectáculos nunha mesma noite de verán e ao aire libre. Cos espazos exteriores do Gaiás como grande escenario, nace este programa no que converxen a danza, a música, as acrobacias ou o teatro físico, con tres funcións que abraiarán ao público pola súa dramaturxia de risco, suspensión e confianza mutua.

A primeira edición de Noitear chega ademais con dúas estreas en Galicia: o espectáculo Carena, da recoñecida compañía catalá de circo contemporáneo La Corcoles; e Into thin air, que supón a primeira actuación na nosa Comunidade da compañía neerlandesa Panama Pictures. Completa o programa Ceibe, de Fran Sieira Cía Danza, nunha función especial que levará a peza a dialogar coa arquitectura do Gaiás nun pase único para o público que na noite do 15 de xullo se achegue á Cidade da Cultura.

Así, o Goberno galego aposta por unha programación coa altura, o equilibrio e o risco como fío condutor. Baixo o lema Tensar o aire, o público terá a oportunidade de asistir, con entrada libre e de balde, a tres aclamadas propostas que innovan na escena contemporánea do circo, a danza e os espectáculos de rúa para público adulto.

Tres espectáculos para tensar o aire

Noitear arrincará pouco antes do solpor, ás 20,30 horas, con Carena, unha premiada produción coa que a compañía La Corcoles explora o equilibrio sobre o baleiro. O público será testemuña dun arriscado solo de funambulismo onde a artista Mariona Moya desafía a vertixe sobre un cabo de arame suspendido a grande altura sen rede de seguridade. A peza, de enorme plasticidade e carga poética, inspírase na última viaxe de peregrinos e sherpas cara os cumios onde falta o osíxeno, convertendo o equilibrio nun duelo simbólico contra o propio abismo. Carena conquistou o público de festivais de referencia como o Circada de Sevilla ou o TAC de Valladolid, sendo galardoada como mellor estrea de artes de rúa na Fira Tárrega 2024 e co premio Zikólika 2025 ao mellor espectáculo de circo de rúa.

Ás 21,30 horas será a quenda da prestixiosa compañía neerlandesa de danza e circo contemporáneo, Panama Pictures, que na súa estrea en Galicia achegará ao público do Gaiás o seu aclamado espectáculo Into thin air. Baixo a dirección artística da coreógrafa Pia Meuthen, Panama Pictures é recoñecida en Europa por desenvolver unha linguaxe escénica híbrida onde a fluidez da danza e o risco físico das acrobacias interactúan con sets arquitectónicos monumentais.

En Into thin air, tres intérpretes desafían as leis da gravidade suspendidos nunha abraiante estrutura: unha escaleira inclinada que flota no espazo e onde os corpos dos acróbatas deben buscar constantemente o equilibrio e a confianza mutua nun espazo inestable e sen puntos de apoio tradicionais.

Fusión de tradición e contemporaneidade

O peche deste Noitear chegará a partir das 22,45 horas da man de Fran Sieira Compañía de Danza, cun pase moi especial do seu espectáculo Ceibe, unha proposta que afonda na danza galega contemporánea desde unha perspectiva renovadora, virtuosa e profundamente conectada coa tradición. Baixo a dirección artística do propio Fran Sieira xunto a Sergio R. Suárez, a peza combina precisión técnica, musicalidade e unha lectura actual do patrimonio coreográfico galego para cuestionar as imposicións de xénero e reivindicar a identidade, a tradición e a liberdade. Nesta ocasión, a función establecerá ademais un diálogo directo coa contorna arquitectónica da praza central do Gaiás, onde se desenvolverá a representación.

Ceibe aséntase na excelencia técnica dos seus intérpretes, entre os que se contan Aida Tarrío (bailadora e tamén integrante do grupo Tanxugueiras), Martín Mondragón (coñecido como Mondra, no seu proxecto musical en solitario), André Adrio, Artur Puga, Patricia Sánchez, María Montero, Cristina Canosa, Adela Otero ou Adrao Casal, un elenco que domina con precisión a rítmica tradicional, dialogando coa música orixinal de MounQup que acompaña un espectáculo que constrúe novas formas de entender o corpo e o movemento.