A exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual despedirase do Museo Centro Gaiás o vindeiro domingo 30 de agosto cunha cifra de preto de 35.000 visitas desde a súa apertura no pasado mes de febreiro. A mostra explora os límites da realidade física e da simulación dixital e afonda na omnipresenza e no impacto dos mundos virtuais na nosa sociedade.
A exposición está formada por máis de 80 obras que inclúen instalacións interactivas, videoxogos, obxectos históricos e pezas artísticas de creadores dunha ducia de países —Canadá, EEUU, China, Corea, Suíza, Grecia, Reino Unido, Italia, Francia, Nova Zelandia ou España—. Mundo expandido é un proxecto de Fundación Telefónica que chegou a Santiago de Compostela tras exhibirse en Madrid e Lima, achegando ao público galego esta reflexión colectiva sobre cuestións de actualidade como a intelixencia artificial, as identidades dixitais, ou a polarización e o acoso na Rede.
A mostra encádrase na liña de traballo da Cidade da Cultura de Galicia ao redor da tecnoloxía e as artes dixitais, un ámbito no que tamén se enmarca a construción do primeiro Centro de Artes Dixitais de Galicia. Ata o vindeiro domingo aínda pode visitarse no Museo Centro Gaiás, en horario de 10,00 a 20,00 horas (excepto os luns) e con entrada de balde.
A exposición conta ademais con visitas guiadas gratuítas para mergullarse nun conxunto de obras que exploran a pulsión humana por crear novos mundos. Nesta viaxe, o público achegarase ao nacemento da realidade virtual, os videoxogos en liña, as modelos virtuais ou a IA, pero tamén a unha escolma de obxectos históricos que nos transportan ás orixes da tridimensionalidade, descubrindo pezas como a caixa óptica, o diorama ou os visores estereoscópicos.
Programa de actividades
Mundo expandido. Entre o físico e o virtual contou con visitas especiais dirixidas aos centros educativos, pero tamén cun programa propio de actividades que incluíu obradoiros infantís ou danza no museo. Estas propostas encadráronse na liña de programación Gaiás inspira, que abrangue diferentes accións divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, con actividades innovadoras para público tanto adulto como infantil e xuvenil, dirixidas a converter as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación e á aprendizaxe compartida.
