Medio milleiro de persoas, na Holi Gaiás 2019

Santiago de Compostela, 08 de Xuño de 2019

Medio milleiro de persoas, entre elas moita cativada, participaron este sábado, día 8, na divertida carreira da Holi Gaiás, unha competición lúdica, de carácter familiar, amenizada con música de baile e co lanzamento dunha poeira colorista. Trátase dunha actividade deportiva e saudable, pensada para que se pasase unha mañá de sábado en grupo, en contacto coa natureza e que lles permitiu aos e ás participantes coñecer as novas zonas verdes do complexo; a segunda fase do Bosque de Galicia e o novo Xardín do Teatro.  

Patrocinada por Viaqua e coa colaboración da Fundación USC Deportiva, Federación Galega de Atletismo e Coca-Cola European Partners, a Holi Gaiás trouxo á Cidade da Cultura o seu espírito festeiro e nada competitivo, no que o importante non foi gañar, senón celebrar as últimas semanas dunha estación como a primavera cunha explosión de música e de cores, inspirada no festival Holi da India.

Esta competición cumpriu a súa terceira edición, tras o éxito das dúas anteriores, nas que tamén a participación estivo aberta á cativada, que contou cunha categoría específica. En ambos casos, as persoas inscritas deberon percorrer, a partir das 12 horas, 5 quilómetros que incluiron o Bosque de Galicia —ampliado o pasado verán a 34 hectáreas— e o complexo arquitectónico, cun novo espazo exterior do Xardín do Teatro. Esta área verde conta con 11.574 metros cadrados, nos que están plantadas especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques e áreas de lecer para gozar de actividades como a Holi Gaiás, na que se conxugou deporte e natureza.

Música de baile e poeira de cores

A pesar do carácter lúdico e non competitivo —no que as e os participantes se viron enchoupados nunha poeira de cores mentres corren animados pola música— as persoas máis espelidas da Holi Gaiás viron recoñecida a súa destreza. Así, os tres primeiros e primeiras de cada categoría recibiron a súa respectiva medalla, en cuxa entrega participaron a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo; a responsable de Comunicación de Viaqua, Sonia Delpont Vázquez; o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida Otero; e o delegado da Federación Galega de Atletismo en Santiago, Iván Sanmartín Carreira.