'Matinais clásicas' programa tres concertos que comezan o sábado con Nuria Lorenzo e Alejo Amoedo

Santiago de Compostela, 22 de Xuño de 2020

Coincidindo co comezo do verán renace tamén un novo ciclo de música na Cidade da Cultura. Matinais clásicas propón unha viaxe en tres concertos desde o clasicismo de Mozart á música contemporánea galega de Joam Trillo, pasando por Beethoven, Crusell, Schubert ou García Abril. O ciclo arrincará este sábado 27 de xuño coa actuación dunha das principais mezzosopranos galegas, a viguesa Nuria Lorenzo, nun recital de canción galega acompañada ao piano polo recoñecido Alejo Amoedo.

Matinais clásicas continuará o 4 de xullo cun percorrido pola música de cámara para clarinete e trío de cordas da man de M. Sancho Quartet. Xa o sábado 11 de xullo, o ciclo pechará coa volta aos escenarios –tralo parón obrigado pola situación sanitaria– dunha das principais formacións orquestrais do país: a Real Filharmonía de Galicia, que retoma as actuacións presenciais precisamente con este concerto no Gaiás.

Os concertos serán de balde cunha capacidade limitada, en cumprimento das medidas de prevención esixidas nesta etapa poscovid-19. Para asistir, cómpre retirar previamente o convite a través da web cidadedacultura.gal, que poderá ser individual ou dobre –só para persoas que convivan no mesmo domicilio–. O público limitarase a un número máximo de 100 asistentes, ou o que é o mesmo, 50 convites.

Programa de concertos

A voz da mezzosoprano viguesa Nuria Lorenzo será a encargada de abrir o ciclo Matinais clásicas, cun programa de canción galega e española que inclúe desde o Miña Nai de Cambeiro ao inesquecible Negra Sombra de Juan Montes ou a romanza La Encarna de Reveriano Soutullo e Juan Vert. Lorenzo estudiou en Vigo e completou a súa formación e Verona da man da mezzosoprano Helga Mueller-Mollinari. Conta cunha dilatada e premiada carreira como cantante solista e directora coral tendo actuado en prazas como o teatro Liceo de Barcelona, o Pazo Euskalduna de Bilbao, Teatro da Ópera de A Coruña ou o teatro de La Zarzuela, entre outros. Estará acompañada do recoñecido pianista Alejo Amoedo, todo un especialista no repertorio de compositores galegos, que realizou estudos de acompañamento vocal en Madrid co afamado Miguel Zanetti, e cunha ampla traxectoria na que ademais de numerosos recitais destacan traballos discográficos como o triplo CD Antoloxía de Compositores Galegos (2013), xunto ao clarinetista Asterio Leiva, ou Evocación (2016), con obra para piano de Reveriano Soutullo.

O segundo concerto chegará da man de M. Sancho Quartet, unha formación fundada en 2015 pola clarinetista Marta Sancho Andrés. Co obxectivo de explorar a música de cámara composta para clarinete e trío de cordas nas diferentes épocas da historia da música, o seu repertorio abrangue dende o clasicismo á actualidade, chegando incluso a realizar varias estreas absolutas de música actual. No seu concerto nas Matinais Clásicas a agrupación interpretará obras de entre finais do século XVIII e principios do XIX, e estará composta por Marta Sancho (clarinete), Anca Smeu (violín), Timur Sadykov (viola) e Alejandra Díaz (violonchelo).

O sábado 11 de xullo o público de Matinais clásicas terá a oportunidade de volver escoitar no Gaiás a unha das principais formacións orquestrais do país, a Real Filharmonía de Galicia. Nesta actuación, a formación dirixida por Paul Daniel regresa aos escenarios despois do obrigado parón na tempada, provocado pola situación sanitaria da covid-19. Neste último concerto do ciclo, a Real Filharmonía interpretará un programa que arrancará con clasicismo de Mozart e as Vodas de Fígaro, continuando coa Sinfonía nº 8 de Beethoven, para despois dar un salto á música contemporánea galega con Joam Trillo e a súa Moinhada e finalizar coas Goyescas de Enrique Granados.

Medidas de prevención covid-19

Os tres concertos rexeranse por un estrito protocolo, seguindo as medidas de seguridade sanitaria esixidas pola etapa poscovid-19. Haberá un circuíto de entrada e saída, á vez que se manterá a distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar e será obrigatoria a asistencia con máscara de protección. Ademais, tampouco haberá programa de man impreso e recoméndase consultar toda a información no seu formato dixital en cidadedacultura.gal.
 

 
Nuria Lorenzo
Alejo Amoedo
Real Filharmonía de Galicia