Homenaxe no Gaiás a clubs de fútbol galegos pioneiros, dentro das actividades de 'Valor e mestría'

Santiago de Compostela, 24 de Maio de 2019

A Cidade da Cultura de Galicia celebrou a tarde de hoxe unha homenaxe a clubs de fútbol galegos pioneiros, dentro do programa de actividades co que se arroupa a exposición Valor e mestría. Galicia como fútbol, que acolle o Museo Centro Gaiás ata o 1 de setembro deste ano.

Coñecer xestas e fitos de equipos galegos, algún deles centenarios, non é só darlle o seu sitio na historia, senón tamén un xeito efectivo de achegarlles aos máis novos as lendas, logros e mitos destas formacións, á vez que a descuberta dun xeito ameno e entretido dun anaco da historia galega a través deste deporte.

Para rememorar e dar a coñecer eses momentos de gloria do fútbol galego contouse coa presenza de representantes dalgúns dos clubs de fútbol galegos máis antigos. A xornada, estivo moderada polo xornalista Carlos Miranda, e contou coas intervencións de representantes do Real Club Deportivo da Coruña, do Real Club Celta de Vigo, da Unión Campestre FC, do Racing de Ferrol e do Club SD Sin Querer.