As exposicións do Gaiás xa están nas aulas con 2.000 estudantes inscritos para 'Faraón. Rei de Exipto' e 'Os brancos segredos do seu ventre'

Santiago de Compostela, 14 de Abril de 2021

A Cidade da Cultura xa ten inscritos, neste intre, a 2.000 estudantes paras as visitas didácticas por videoconferencia á exposición Faraón. Rei de Exipto, que comezaron a emitirse ás aulas esta mesma semana. O Museo Centro Gaiás abriu o pasado 6 de abril as inscricións para que os centros de ensino participen destas emisións en liña, tanto para esta mostra como para a da selección cromática dos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (Rac), Os brancos segredos do seu ventre.

Esta programación en streaming oferta ata o 18 de xuño un total de 80 videoconferencias, en dúas quendas de martes a venres, das que 46 sesións xa se reservaron na primeira semana de abrir o prazo para que os centros de ensino solicitaran a súa participación.

O obxectivo da Xunta con esta programación é ofrecer unha alternativa para os centros de ensino ás saídas escolares programadas, limitadas polas actuais medidas de contención da pandemia da covid-19. O proxecto arrancou con éxito coa exposición Galicia, de Nós a nós, con 4.500 estudantes de ESO e Bacharelato, e continuou coa exposición homenaxe da Xunta de Galicia a Díaz Pardo, As miradas de Isaac, na que se inscribiron máis de 2.500 rapaces e rapazas, neste caso ampliando o alumnado tamén a Educación Primaria.

Ferramenta didáctica de primeira orde

Con esta iniciativa, a Cidade da Cultura proponse dar continuidade ao seu consolidado programa didáctico, que só en 2019 atendeu a 14.652 alumnos e alumnas de 640 grupos procedentes de centros de toda Galicia, que se achegaron así ás exposicións, arquitectura e espazos naturais do Gaiás. No 2020, debido ao confinamento pola pandemia da covid-19, estas visitas dos colexios só puideron facerse presenciais de xaneiro a marzo, coa participación 4.873 alumnos e alumnas en 219 grupos. No outono, foi cando se decidiu activar de xeito pioneiro as videoconferencias para a exposición Galicia, de Nos a nós.

O Museo Gaiás esfórzase con esta nova modalidade en manter o contacto e interacción directa cos centros de ensino e o seu alumnado no contexto actual, co convencemento de que as visitas vinculadas á cultura e á arte, e as actividades fóra da aula no seu conxunto, son unha valiosa e amena ferramenta pedagóxica na docencia.

Grazas a esta modalidade tecnolóxica, o alumnado de Educación primaria, ESO e Bacharelato vai poder gozar de Faraón. Rei de Exipto, o que lles suporá unha espectacular viaxe a unha das máis poderosas, enigmáticas e veneradas civilizacións da Historia.

Coa colaboración da Fundación "la Caixa" e no marco do Xacobeo 2021, a rapazada vai poder descubrir sen saír da aula pezas da colección do prestixioso Museo Británico que inclúen desde estatuas monumentais, ourivería ou obxectos cotiás coas que os estudantes participantes van descubrir a cara humana dos deuses que rexeron os destinos de Exipto hai milleiros de anos.

No caso de Os brancos segredos do seu ventre, permíteselle ao alumnado unha orixinal aproximación a unha escolma da mellor arte contemporánea dos últimos 30 anos, grazas á selección cromática que a comisaria Bea Espejo fixo dos fondos da colección Rac, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) pola Xunta de Galicia.

Os formatos en streaming xa forman parte da vida cotiá dos máis novos e plataformas como YouTube están a darlle a posibilidade de viaxar sen saír da aula e de aportar materiais exclusivos dun dos mellores museos do mundo, como é o British Museum; ou dunha das máis importantes coleccións privadas de arte contemporánea de España, como é a Fundación Rac.

Outras emisións en liña para os máis novos

Neste senso, o programa de visitas didácticas en liña é só un dos múltiples recursos que a Cidade da Cultura vén desenvolvendo no último ano para achegar a súa programación ao público no contexto imposto pola pandemia de limitación de desprazamentos e redución de prazas nas actividades ao vivo.

Neste senso, desde o pasado ano, co comezo da pandemia, lanzáronse a través da Rede actividades para a cativada como o ciclo de contacontos en liña do Club das lerchiñas; a serie de vídeo-receitas das Cociñeiras ilustradas; ou os retos didácticos da Raposa Fedella. Ademais, neste mesmo ano o xa consolidado festival internacional de curtametraxes infantís Pequefilmes tamén lles ofreceu ás familias a posibilidade de ver desde casa as curtas por streaming.