Este verán descobre o Gaiás dunha forma amena e orixinal a través de actividades de balde que combinan lecer, deporte e coñecemento: Camiño ao Gaiás e Astronomía. Un novo lugar para ver o ceo.
Por terceiro ano consecutivo e da man da Fundación USC Deportiva, a Cidade da Cultura acolle durante os meses de xullo, agosto e setembro o programa de roteiros cos que descubrir os principais monumentos e paraxes naturais no camiño de ascenso ao Gaiás.
Pensada para todos os públicos, esta actividade busca mostrar outra ollada de Compostela, nun percorrido guiado que parte da praza de Cervantes e que se detén en xoias arquitectónicas como a Igrexa das Ánimas, o convento de Bonaval ou a Colexiata do Sar. Camiño ao Gaiás finaliza no complexo deseñado por Peter Eisenman, onde os participantes poderán participar na visita guiada de balde á exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, un canto á cultura tradicional e á natureza virxe.
Os roteiros a pé terán lugar todos os mércores de verán desde o vindeiro 3 de xullo ata o 11 de setembro. O grupo parte da praza de Cervantes ás 17:20 e, tras percorrer catro quilómetros, chegará ao alto do Gaiás unha hora despois para visitar a Cidade da Cultura. A actividade é apta para todos os públicos pero os menores deberán ir sempre acompañados dun adulto e, aínda que de balde, é preciso reservar praza.
Telescopios, prismáticos e planisferios
Este verán, a Cidade da Cultura tamén convida a ver as estrelas e intentar comprender un pouco mellor o universo a través da actividade Astronomía. Un novo lugar para ver o ceo, organizado xunto ao Observatorio Astronómico José María Aller da USC.
Telescopios, prismáticos e planisferios volverán tomar as noites do Gaiás para observar planetas, coñecer fenómenos tan curiosos como o das estrelas dobres ou deixarse abraiar polas Bágoas de San Lourenzo ao tempo que se descobre a cara quizais menos coñecida da Cidade da Cultura.
As visitas astronómicas terán lugar o 5 e 12 de xullo de 23 a 1:00 horas; o 2, 9, 12, 16 e 30 de agosto de 22:30 a 00:30 horas; e o 6 e 13 de setembro de 22:30 horas a 00:30 horas. Cun máximo de 100 prazas, a actividade é de balde mais é preciso reservar. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan favorables, realizarase unha sesión didáctica no auditorio da Biblioteca e Arquivo de Galicia.
Tres obradoiros astronómicos
Mais a astronomía non só consiste en ollar as estrelas. Por iso, a Cidade da Cultura acollerá tres obradoiros astronómicos nos que facer unha aproximación aos telescopios, meteoritos e bólidos e aos reloxos de sol. Recomendados para maiores de dez anos, os tres obradoiros son de balde previa inscrición e terán unha duración aproximada dunha hora.
O venres 5 de xullo ás 21:30 horas terá lugar o primeiro dos obradoiros co que coñecer e aprender a utilizar os diferentes tipos de telescopios e prismáticos. Por primeira vez, este verán terá lugar un obradoiro diurno o 19 de xullo ás 12:30 horas, no que os participantes poderán reloxos de sol, así como as manchas solares, típicas cando o astro rei se atopa nun máximo de actividade como este ano. O último dos tres obradoiros celebrarase o 6 de setembro ás 21:00 horas e terá como obxectivo coñecer de primeira man os diferentes bólidos e meteoritos.
Visitas guiadas diarias ao complexo
Como complemento a estas visitas temáticas, a Cidade da Cultura recupera diariamente para os meses do verán o programa de Visitas guiadas ao propio complexo co que os que se acheguen ata o Gaiás poidan coñecer, da man dun guía especialmente formado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, os segredos que agocha o complexo deseñado por Peter Eisenman.
As visitas guiadas á Cidade da Cultura terán lugar todos os días excepto os luns durante os meses de xullo, agosto e setembro e celebraranse en dúas quendas: 11:30 e 17:30 horas. As saídas terán lugar no Espazo On e a actividade é de balde e non fai falta reserva.