‘Escenas do cambio’ arrinca o xoves coa estrea en Galicia dunha decena de obras de vangarda escénica

Santiago de Compostela, 03 de Maio de 2026

O festival de danza, teatro e arte en acción Escenas do cambio, organizado pola Xunta de Galicia, trae á Cidade da Cultura e ao Salón Teatro catro días de encontro coa vangarda escénica nacional e internacional. Un total de once espectáculos (dez deles inéditos en Galicia, con tres estreas absolutas e outras tres estreas en España de co-producións internacionais), forman a programación desta 12ª edición, que decorrerá do xoves 7 ao domingo 10 de maio.

Escenas do cambio 2026 é un convite a resistir, revelar e reinventarse desde as artes escénicas contemporáneas que convoca en Galicia a artistas e compañías de Alemaña, Bélxica, Brasil, Colombia, Cuba, Guinea Ecuatorial, México, Portugal, Lituania e España con espírito aberto e de cooperación. Será, ademais, a primeira ocasión para ver dúas co-producións nas que participan, respectivamente, o Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego: 52-Blau e Black Box. Unha saga épica.

En 52-Blau, obra que inaugurará na tarde do xoves o festival, os bailaríns sostéñense entre si nunha deriva de corpos que se transforma e adapta á arquitectura do Gaiás. A compañía iXa, que mantén conexións entre Galicia, País Vasco e Navarra, é a responsable desta nova creación de danza contemporánea.

Pola súa banda, en Black Box. Unha saga épica o actor, director e músico portugués Hugo Torres (ex-Voadora) propón, como colofón de Escenas do cambio, preparar unha cea o domingo 10 de maio no escenario do Salón Teatro na que os ingredientes serán as propias vidas e historias da súa familia.

As novidades complétanse coa reinvención da festa en Este himno llevará la palabra euforia, obra que celebra no marco do festival o 30 aniversario da compañía vasca La Intrusa (Premio Nacional de Danza 2015), e coas estreas en España de tres espectáculos de danza internacionais. Trátase de El Vacío e La Cura, un díptico espello das crises do individuo contemporáneo formulado polo coreógrafo cubano Julio César Iglesias coa Compañía Colombiana de Danza Contemporánea, e de Fear:less, da recoñecida directora e investigadora alemá Silke Z, onde o corpo e a confianza no outro son vehículos para afrontar o medo.

A ‘Revelesencia’ de Escenas do cambio

Durante os catro días deste festival da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, as artes vivas ofrecen múltiples escenarios para facer visible o invisible, para acubillar aquilo que se nega a desaparecer e tamén para o renacemento e o encontro co público.

Na Revelesencia coa que a directora artística de Escenas do cambio, Kirenia Martínez Acosta, nomea esta edición de 2026 aparecen as soidades contemporáneas contidas nas cápsulas interactivas de La Calidesa, orixinal proposta de teatro de obxectos da Société Mouffette e COMA14, así como os corpos e identidades que habitan as marxes de Entrecruzad@s, da recoñecida dramaturga e directora escénica colombiana Juliana Reyes.

Tamén haberá ocasión de recuperar a memoria da oralidade como contedor de futuro no ritual que invoca o artista brasileiro Reinaldo Ribeiro en Arder Épica (Cap. 1), ou de pensar novas formas de relacionar o humano coa natureza na instalación inmersiva Hecatombe II: Movementos e rituais para a renovación do mundo, da colombiana de orixe indíxena Martha Hincapié Charry e na peregrinación artística pola Selva Negra e o Camiño de Santiago de Laura Aris, Jakob Jautz e Jorge da Rocha en Horizontes Errantes.

As últimas entradas para o festival poden adquirirse de maneira anticipada a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás.

O festival da Xunta de Galicia conta coa conta coa colaboración do Ministerio de Cultura, o Goethe Institut, e o Camões–Centro Cultural Português em Vigo.