El afecto ilustrado abre os concertos con público no Gaiás polo Día da Música

Santiago de Compostela, 21 de Xuño de 2020

A Xunta de Galicia está a festexar hoxe o Día da Música na Cidade da Cultura coa celebración de tres concertos con público ao longo de toda a xornada, e que tamén están a ser retransmitidos en directo pola canle de Youtube do Gaiás e polo web cidadedacultura.gal. El afecto ilustrado foi a primeira das actuacións ás 12 horas, á que lle seguirán pola tarde FAIA, ás 17.30 horas, e Chisme, ás 21 horas. Todas esgotaron as entradas-convites, que se limitaron a 80 por concerto para garantir a distancia social esixida na nova etapa poscovid-19.

Precisamente, a celebración do Día da Música é a primeira actividade presencial da Cidade da Cultura na nova etapa poscovid-19 e estase a desenvolver cun estrito protocolo de medidas de seguridade sanitaria; circuíto diferenciado de entrada e saída, mantemento da distancia social entre persoas non conviventes ou a obrigatoriedade de máscara de protección, entre outras.

 O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M . Lorenzo, asistiu ao concerto da formación clásica de El afecto ilustrado, que abriu a programación cun repertorio barroco do século XVII. Concibido como un grupo de cámara innovador e versátil, ofreceu unha interpretación historicista e próxima cun repertorio musical comprendido entre os séculos XVII e XIX. O ensemble está integrado por profesionais que despuntan no panorama musical nacional e internacional con formatos de concerto pouco explorados.

Dous concertos pola tarde

FAIA abrirá ás 17,30 horas os concertos da tarde presentando o seu primeiro traballo Ao cabo leirín, un proxecto de investigación e recompilación do cancioneiro tradicional, tinguido de vangarda e actualidade a través da súa voz e estilo.

Faia Díaz rescata dun xeito íntimo ese repertorio de cancións das avoas e bisavoas que forman parte do noso patrimonio inmaterial. Cantante e investigadora, tamén é licenciada en Historia da arte. Foi bolseira na Habana, Perugia e Barcelona, onde cursou estudos de etnomusicoloxía, cinema e crítica artística, e está formada en dixitalización e catalogación do patrimonio artístico. É membro do coñecido grupo galego De Vacas, que ten actuado con éxito de público na Cidade da Cultura.

Pechará esta celebración na Cidade da Cultura do Día da Música a actuación de Chisme. Trátase do proxecto musical de Fernando Epelde, tamén coñecido por ser dramaturgo e actor na compañía de teatro galega Voadora.

Tras unha serie de álbums marcados pola experimentación formal e por fíos conceptuais que o levaban a explorar territorios como o da arte sonora, a electrónica minimalista ou o pop cibernético; abraza no seu último traballo Todo é ficción un rexistro máis preto do formato canción: melodías pegañentas, unha sonoridade que mantén a súa conexión con texturas electrónicas pero cunha afouteza e unha pegada que lembran a xéneros como a new-rave ou o pop groove máis espacial. No Gaiás, ademais deste traballo, tamén ofrecerá un repertorio con temas de proxectos anteriores.