Dúas mil persoas viviron xa na Cidade da Cultura a experiencia de realidade virtual ‘Carne y Arena’

Santiago de Compostela, 31 de Xullo de 2022

Preto de 2.000 persoas esgotaron as entradas de xullo a CARNE y ARENA (Virtualmente presente, Fisicamente invisible), a instalación de realidade virtual dirixida polo oscarizado director Alejandro G. Iñárritu que se pode visitar na Cidade da Cultura de Galicia ata o 18 de setembro e que nos achega a experiencia das persoas migrantes que cruzan o deserto entre México e os Estados Unidos.

Polas especiais condicións da instalación, con capacidade para acoller a tres visitantes por quenda –75 por día–, as prazas son moi limitadas. Quedan entradas en agosto e setembro e poden mercarse na Ataquilla a 9 € mais gastos de xestión.

Premiada cun Oscar pola Academia de Hollywood, esta pioneira proposta inmersiva chega a Santiago de Compostela, convertendo a capital galega na primeira cidade da Península en acoller este proxecto, producido por Legendary Entertainment, Emerson Collective e Fondazione Prada, en colaboración con PHI Studio, e que se pode vivir en Galicia da man da plataforma cultural 90_20 no marco do Xacobeo 21-22.

Tras visitar cidades como Milán, Ámsterdam, Montreal, Dallas, Washington D. C., Os Ánxeles ou Cidade de México, a Xunta celebra a elección de Galicia como primeiro destino en España e Portugal, e subliña a ollada empática e a forza das novas linguaxes para comprender mellor a realidade da migración.

Adxectivos como “rompedora”, “brillante”, “conmovedora” ou “unha das primeiras obras mestras de realidade virtual” foron algúns dos cualificativos que CARNE y ARENA recibiu durante a súa xira internacional por cabeceiras como The New York Times, Forbes ou o Washington Post.  Son as mesmas sensacións que expresan os visitantes que xa puideron somerxerse na experiencia.

Alejandro G. Iñárritu colaborou con migrantes e refuxiados mexicanos e centroamericanos para acadar o maior nivel de realismo.  “A miña intención era permitir ao visitante unha experiencia directa, camiñando nos pés do inmigrante, por debaixo da súa pel, e dentro do seu corazón”, explicou o director na presentación deste proxecto. O resultado é un espazo multinarrativo con secuencias de extremo realismo que trasladan ás persoas visitantes, descalzas sobre a area, a un escenario de persecución a través do deserto.

CARNE y ARENA non está permitida a menores de 14 anos e tampouco recomendada a persoas con problemas cardíacos, antecedentes de convulsións, epilepsia ou sensibilidade ás luces intermitentes. Recoméndase consultar toda a información sobre as condicións de acceso na web da Cidade da Cultura.

Alejandro G. Iñárritu

Alejandro G. Iñárritu é un oscarizado director, guionista, locutor e compositor mexicano. É un dos cineastas máis aclamados e recoñecidos a nivel mundial, nomeadamente por contar historias conmovedoras e internacionais sobre a condición humana. Dirixiu filmes como Amores perros (2000), 21 gramos (2003), Babel (2006), Biutiful (2010), Birdman (2014) ou The Revenant (2015). Conta con catro premios Oscar (mellor película, mellor director e mellor guión orixinal por Birdman, e novamente mellor director por The Revenant), ademais dun Oscar Especial ao proxecto de RV CARNE y ARENA, cualificado pola Academia como unha “experiencia narrativa excepcional”.

Sobre PHI Studio

Con base en Montreal, PHI Studio centra as súas actividades na produción de traballos inmersivos en realidade virtual, realidade aumentada e realidade estendida. Pioneira en experiencias interactivas, recibiu recoñecemento internacional pola súa produción innovadora ao servizo de novas formas de narración.

Sobre Emerson Collective

Emerson Collective é unha organización dedicada a eliminar barreiras y promover oportunidades para que as persoas desenvolven todo o seu potencial. Fundada e dirixida por Laurene Powell Jobs, Emerson Collective céntrase na educación, na inmigración, no medio ambiente e en iniciativas de xustiza social. Emerson emprega unha ampla gama de ferramentas e estratexias -desde a filantropía e programas de inversión de risco, ata a colaboración con emprendedores, activistas, divulgadores e líderes de opinión- para desenvolver e executar solucións innovadoras que impulsen o cambio e promovan a igualdade.

Sobre Legendary Entertainment

Legendary Entertainment é unha empresa de medios de comunicación que conta con operacións de cine, televisión, medios dixitais e banda deseñada que posúen, producen e distribúen contido para audiencias internacionais.

Sobre 90_20

90_20 é unha plataforma de produción cultural que conecta ambos lados do Atlántico mediante a colaboración con artistas internacionais para crear experiencias que impactan na súa comunidade e enriquecen o gusto pola creación artística, destacando a capacidade da arte como ferramenta de transformación, integración e innovación.