Dous expertos en clásica no III Foro #aculturasegue para analizar os retos da música na era post covid-19

Santiago de Compostela, 30 de Maio de 2020

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, conduciu esta tarde a terceira sesión dos Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post COVID-19, un encontro virtual que nesta ocasión estivo centrado nos desafíos aos que se enfronta o sector musical, e especialmente o da música clásica, no contexto actual marcado pola crise sanitaria. O webinario, que puido seguirse esta tarde en directo a través da web cidadedacultura.gal, contou con dous relatores de longa traxectoria profesional neste ámbito: o ensaísta, divulgador cultural e crítico musical Juan Ángel Vela del Campo, e a directora técnica da Real Filharmonía de Galicia, Sabela García Fonte. Neste encontro en liña, ambos abordaron cuestións como as medidas de distanciamento aplicadas aos espectáculos en directo, o xurdimento de novos formatos de difusión da clásica ou mesmo o valor da música en tempos de crise.

Os Foros #ACULTURASEGUE. Reflexións sobre a cultura na era post covid-19 compóñense dunha serie de encontros en liña –en formato webinario– con especialistas procedentes de distintos campos do eido cultural. Propóñense convidar á reflexión e á análise dos retos aos que se enfronta o sector no panorama actual. Impulsados pola Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no marco do Xacobeo 2021 e enmárcanse no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da covid-19, promovido polo Goberno galego. Celebrados nas tardes dos venres, todos eles poden seguirse en directo por videoconferencia e tamén en diferido a través da canle en youtube da Cidade da Cultura de Galicia. Nas vindeiras semanas desenvolveranse novas sesións, centradas en temas como novos formatos e mercados, novo perfil de consumidor ou os retos para sectores como as artes visuais ou o libro na era post covid-19.